Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 15:24
A XIX edición da Gala Musical e Solidaria Intercentros 2021 será retransmitida en directo a través da canle Afundación TV co obxectivo de facilitar o acceso ao festival. A coordinadora xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación Obra Social A Caixa, Pilar Alves, e o presidente da Asociación Cultural Festival Intercentros, Rodrigo Hidalgo, asinaron un convenio de colaboración este martes.
A gala celebrarase este outono, se as condicións sanitarias o permiten, nun formato híbrido, que combina a asistencia presencial coa telemática. Así mesmo, habilitarase unha fila 0 para que as persoas que non poden asistir ao evento teñan a posibilidade de facer unha achega solidaria a dúas asociacións, ASPACE e Cáritas. Ademais, tamén se recollerán alimentos coa axuda de persoas voluntarias das entidades colaboradoras.
Segundo informa nun comunicado Afundación, Rodrigo Hidalgo afirmou que a retransmisión en streaming permite que "desde calquera lugar do mundo se poida ver tanto o traballo que as institucións fan en favor dos colectivos máis vulnerables como a arte dos nenos e novos", ademais de constituír unha ocasión para "mostrar o rostro solidario dunha cidade como A Coruña e da sociedade galega en xeral".
Pola súa banda, Pilar Alves incidiu na importancia de "atender as necesidades de todas aquelas persoas que están en situación vulnerable" e destacou o papel da Asociación Cultural Festival Intercentros, que "anima durante todo o ano a desenvolver proxectos en beneficio da súa contorna".
A Obra Social de Abanca colabora co Festival Intercentros desde o ano 2014 nunha iniciativa solidaria na que participan centros educativos da Coruña e a súa contorna, que traballan durante un ano en proxectos para presentar finalmente na gala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.