Temas: FRASEOLOXíA

“El a cava, el a bima e el a vendima”, equivalente á paremia castelá “él se lo guisa y él se lo come”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 23/05/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

En castelán, para manifestar, normalmente a xeito de censura ou recriminación, que unha persoa actúa de xeito egoísta, querendo abarcar todo e sen querer a axuda de ninguén, para despois levar tamén para si todos os beneficios do labor feito sen compartilos, pódese botar man do enunciado fraseolóxico él/ella se lo guisa y él/ella se lo come (ou yo me lo guiso y yo me lo como; tú te lo guisas y tú te lo comes; etc., en función de quen sexa o suxeito da acción). Trátase dunha secuencia expresiva que seica provén en orixe da paremia Juan Palomo, yo me lo guiso y yo me lo como.

Marqués de Vizhoja pon en marcha un protocolo de seguridade durante a vendima.. MARQUÉS DE VIZHOJA
Marqués de Vizhoja pon en marcha un protocolo de seguridade durante a vendima.. MARQUÉS DE VIZHOJA

Hoxe en día o certo é que estas expresións son empregadas en moita maior medida para sinalar a total independencia, á hora de facer unha cousa, desa persoa de quen se está a falar, indicando que é ela quen a realiza soa e sen a axuda ou colaboración de ninguén.

En galego, o eclesiástico Francisco Vázquez Saco rexistrou, no seu refraneiro, algunha paremia que dá conta do mesmo sentido, coma a de O meu veciño ten unha viña: el a cava, el a bima e el a vendima.

Él se lo guisa y él se lo come [yo me lo guiso y yo me lo como; tú te lo guisas y tú te lo comes; etc.]

{= 1. Paremia con que se recrimina o egoísmo de alguén que só mira por si e que o quere abarcar todo, actuando sen axuda de ninguén e querendo todos os beneficios para si. 2. Por extensión, paremia con que se sinala a total independencia da persoa de quen se fala á hora de facer unha cousa, indicando que a realiza ela soa e sen a axuda ou colaboración de ninguén.}

El a cava, el a bima e el a vendima [eu a cavo, eu a bimo e eu a vendimo; ti a cavas, ti a bimas e ti a vendimas; etc.]

[TAMÉN]:

El planta a viña e el a vendima [eu planto a viña e eu a vendimo; ti plantas a viña e ti a vendimas; etc.]

El fai a festa e el bota os foguetes [eu fago a festa e eu boto os foguetes; ti fas a festa e ti botas os foguetes; etc.]

● Tamén:

(Hacer # Ser) Como Juan Palomo: yo me lo guiso y yo me lo como

(Ser # Facer) Coma o meu veciño que ten unha viña: (que) el a cava, el a bima e el a vendimo

Ex. (1): En la parroquia había un cura de los de yo me lo guiso y yo me lo como un cura que era como Juan Palomo: yo me lo guiso y yo me lo como; pero tras la creación de la asociación parroquial tuvo que empezar a rendir cuentas y a no hacer y deshacer a su antojo.

Na parroquia había un cura dos de eu a cavo, eu a bimo e eu a vendimo un cura dos de eu planto a viña e eu a vendimo un cura dos de eu fago a festa e eu boto os foguetes un cura que era coma o meu veciño que ten unha viña: (que) el a cava, el a bima e el a vendima; pero tras a creación da asociación parroquial tivo que comezar a render contas e a non facer e desfacer ao seu antollo.

Ex. (2): ¡Recogió Messi el balón en el centro del campo y dijo “yo me lo guiso y yo me lo como”: sorteó en carrera a cinco contrarios, regateó el portero y gol antológico!

¡Recolleu Messi o balón no medio do campo e dixo “eu a cavo, eu a bimo e eu a vendimo” e dixo “eu planto a viña e eu a vendimo” e dixo “eu fago a festa e eu boto os foguetes”: sorteou en carreira cinco contrarios, caneou o porteiro e gol antolóxico!

NOTAS:

1. A expresión el fai a festa e el bota os foguetes (coas súas respectivas variantes en función dos distintos suxeitos gramaticais) tamén se aplica a aquelas persoas que fan un chiste ou unha graza e que elas mesmas se rin da súa propia graza. Ex.:

Ex.: Ter non che ten sal ningún, pero ó último sempre te acabas esperrechando porque cando acaba de contar eses chistes tan malos que conta bótase a rir coma un condenado, así que el fai a festa e el bota os foguetes.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta