As universidades galegas manteñen conxeladas as taxas académicas, cos prezos de matrículas máis baixos en España

O importe para primeiras matrículas sitúase entre 9,85 e 13,9 euros por crédito.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/05/2021 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

O Goberno galego publicou este martes o proxecto de decreto de prezos públicos do Sistema Universitario de Galicia e os respectivos anexos que detallan o custo e o importe das diferentes taxas académicas en función do tipo de grao, máster e outros conceptos.

Aula universitaria
Aula universitaria | Fonte: UVigo.

O borrador confirma que Galicia manterá a conxelación das taxas outro ano máis e situarase como a comunidade autónoma co prezo de matrícula máis baixo de todo o Estado.

En concreto, o importe para primeiras matrículas de grao sitúase entre os 9,85 euros por crédito para títulos da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, xunto ao grao en Belas Artes; e os 13,9 euros das de Arte e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

As contías por crédito son maiores no caso das sucesivas matrículas, que de novo variarán en función da rama da titulación: de 13,62 a 19,30 para segundas, 22,04 a 31,21 para terceiras e 28,06 a 39,79 para cuartas.

O esquema de prezos repetirase no caso de ensinos de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais.

Pola súa banda, o custo para primeiras matrículas do resto de títulos de máster será de entre 9,85 e 13,93 euros e de 26,68 a 38,54 euros para segundas e sucesivas, tamén en función da rama de coñecemento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta