A universidade galega reafirma o seu compromiso co emprendemento feminino

A USC asina un convenio para dar visibilidade e apoio ás iniciativas tecnolóxicas lideradas por mulleres.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2021 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A universidade galega dá un paso máis para apoiar o avance das mulleres no mercado laboral. Neste caso é a Universidade de Santiago de Compostela quen ven de renovar o seu acordo co estatal Instituto de las Mujeres para continuar promovendo actuacións e desenvolvendo ferramentas para “facilitar a inclusión da perspectiva de xénero” na transferencia de coñecemento e impulsar o xurdimento de iniciativas emprendedoras con marca feminina.

Facultade de Medicina de Santiago de Compostela
Facultade de Medicina de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

O acordo dáse no marco do programa Innovatia 8.3 da USC e do Instituto de las Mujeres, e consiste nun convenio que ambas as dúas institucións veñen de asinar e que se estenderá ata o ano 2023 coa intención de dar ese pulo á creación de empresas de base tecnolóxica dende as universidades e que, por suposto, promovidas por mulleres.

O convenio, dotado con máis de 400.000€, servirá para realizar encontros dirixidos a “apoiar e dar visibilidade ás emprendedoras universitarias”. Á parte, esta dotación servirá tamén para procurar novas formas de financiamento coas que “facilitar o crecemento de empresas lideradas por mulleres xurdidas no ámbito universitario”. “Fomentar o emprendemento feminino que xorde das universidades, achega ás mulleres o coñecemento necesario para fundar a súa empresa e favorece a súa participación na vida económica e social avanzando na igualdade real e efectiva de mulleres e homes”, sinalan dende as institucións asinantes.

APOIO AO FINANCIAMENTO

Deste xeito, engaden, Innovatia 8.3 ofrecerá a posibilidade a emprendedoras das universidades españolas de realizar ‘misións comerciais’ nas que recibirán asesoría para mellorar o seu proxecto empresarial e “poder atoparse con entidades socias estratéxicas”. Tamén ao abeiro deste convenio, engaden, poñerase en marcha o ‘Estudo de Xénero na I+D+i en Transferencia en España’, co que se poderán obter indicadores relevantes para “medir a calidade investigadora desenvolvida polas mulleres no contexto español”, á parte de celebrar as xa mencionadas “xornadas de sensibilización”, que terán lugar en colaboración con outras universidades do Estado.

Segundo apuntan dende a USC, máis de 700 mulleres se teñen xa beneficiado da formación impulsada pola institución compostelña e o Instituto de las Mujeres ao abeiro deste programa no que xa recibiron asesoramento 200 emprendedoras. Na actualidade, 48 universidades públicas españolas integran a Rede Innovatia 8.3.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta