Os locais que serven comidas pero non teñen licenza de restaurante poderían ampliar horarios

O comité clínico reúnsese hoxe e abordará a posibilidade de reducir as restricións para este tipo de establecementos.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/05/2021 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O comité clínico que asesora á Xunta na toma de decisións reúnese este mércores novamente para someter a exame as medidas da desescalada galega, un encontro no que abordará a posibilidade de ampliar os horarios a máis locais de hostalaría, concretamente a aqueles que serven comidas pero que non teñen licenza de restaurante.

Ata agora, o horario de apertura para restaurantes é ata a unha da madrugada, pero o resto de bares téñeno limitado ás 23 horas, iso si, tampouco tiñan o requisito de contar cun medidor de CO2 para manterse abertos.

Nun acto celebrado na mañá deste mércores en Vigo, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou que inicialmente se acordou centrar a ampliación de horarios naqueles establecementos con licenza de restaurante, para o que se lles impuxo o "requisito novo" de dispor dun medidor de CO2, ademais de outorgar cita previa e servir con reserva, e levar un rexistro de clientes.

No entanto, "o sector agora propuxo trasladar ese requisito a outro tipo de locais que non quedaron incluídos" en primeiro lugar, o que, dixo, parécelles "razoable", posto que "as características son similares aos locais actuais autorizados". "Estamos dispostos a revisalo, é un dos puntos que se revisará", avanzou.

Así mesmo, sobre o debate aberto do uso da máscara manifestou, como xa fixo en días previos o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que para determinados contextos, como "paseando polo monte", tería "sentido" non levala. Con todo, manifestou que este mércores non cre que se tome a decisión sobre este punto, aínda que "desde logo é unha das posibilidades que están enriba da mesa" para próximas reunións.

COMITÉ CLÍNICO

A reunión do comité clínico deste mércores prodúcese tras o fin do estado de alarma que, con respecto á situación anterior, supuxo esencialmente un alivio para a hostalaría. Co novo escenario, mantivéronse varias medidas de restrición en Galicia, as cales foron ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a semana pasada, días despois de que xa estivesen en vigor.

Concretamente, mantívose a medida do toque de queda entre as once e as seis da madrugada para cinco concellos (inicialmente) e o seu peche perimetral -só mobilidade externa ou cara a dentro para cuestións "esenciais"-.

Para toda a Comunidade galega, mantense a restrición de reunións, de forma que en terrazas ou exteriores está permitida a concorrencia de seis persoas que non conviven, pero nos interiores de establecementos de hostalaría ou domicilios privados só pode haber catro persoas.

A relaxación das medidas no ámbito da hostalaría seguirá sendo un dos aspectos crave na reunión do comité clínico deste mércores, que se reúne apenas 48 horas antes de que decaian as medidas decretadas na primeira fase da desescalada.

O conselleiro de Sanidade nun acto no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
O conselleiro de Sanidade nun acto no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta