Por Europa Press / Redacción | Ourense | 19/05/2021 | Actualizada ás 16:05
O PSOE ourensán valora accións legais despois do informe "demoledor" do Consello de Contas sobre a Deputación de Ourense, no cal, entre outras cuestións, o organismo fiscalizador reproba que a entidade provincial dese sen concorrencia en torno ao 80% de contratos e subvencións en 2018.
O portavoz municipal do PSOE, Rafa Villarino, censurou que Ourense está baseado nun sistema "de cadea de favores de empresas e concellos amigos que viven de Ourense e non por Ourense".
Así, os socialistas denuncian que o informe de Contas "confirma a existencia dunha trama de intereses espurios" baseada nos contratos a dedo "do presidente da Deputación de Ourense", Manuel Baltar.
Ademais, destacou que o órgano fiscalizador galego avalou a denuncia na que os socialistas "xa detallaban irregularidades nos contratos e subvencións da institución".
"Onde está a pluralidade da repartición equitativa e a transparencia das que presume o presidente?", cuestionou Villarino para acusar a Baltar de "tentar enganar" o Consello de Contas falando dun hackeo informático para non dar a Conta Xeral do 2018.
Pola súa banda, o viceportavoz socialista na Deputación, Nacho Gómez, afirmou que o Consello "non é un órgano que faga informes de parte", polo que non permitirán que "Baltar siga mangoneando e corrompendo a administración pública".
Os socialistas expuxeron que o informe manifesta que "a contratación menor, a dedo, sen publicidade é o procedemento de adxudicación na Deputación" ao superar o 80% do volume do 2018, "adxudicándose así os contratos do plan provincial de cooperación e obras e servizos cos concellos". Ademais, a formación criticou que o 70% destas adxudicacións "concedéronse sempre ás mesmas empresas".
Na mesma liña, os socialistas afirmaron que o informe pon de relevo que as subvencións se repartiron "por concesión nominativa, a dedo", incumprindo a Lei Xeral de Subvencións, o que constitúe "unha infracción grave da normativa segundo o escrito do órgano fiscalizador".
E é que o PSOE de Ourense incidiu en que eles xa levaran ante o Consello de Contas, o ano pasado, un informe no que se detallaba "a repartición de millóns sempre entre as mesmas empresas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.