As peaxes en autovías, motivo da "ofensiva política" que anuncia o BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera "falaz" o argumento de quen usa paga, porque se se traslada esta premisa a outros servizos públicos, as persoas sen fillos poderían alegar que "non teñen que pagar as escolas infantís".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2021 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou este mércores unha "ofensiva política" da formación nacionalista no Parlamento, Congreso e nos concellos en contra da posibilidade de que se cobren peaxes por circular polas autovías, unha medida que baralla o Goberno central e que tacha de "antisocial, discriminatoria" con Galicia pola súa condición de periférica.

"O anuncio está a xerar unha gran preocupación e oposición social, tanto entre a cidadanía da rúa, que ve con escándalo un novo sablazo a unhas economías familiares moi debilitadas, como entre as empresas, porque a medida afectaría de cheo á súa competitividade e en particular ás que dependen das autovías para exportar os seus produtos", advertiu Pontón. En rolda de prensa, trasladou a "total oposición" a unha medida que, dixo, "só ten afán recadatorio e ten como único beneficiario ás multinacionais da construción".

Para a líder do BNG, a proposta é "especialmente negativa" para Galicia, por tres motivos: a condición de periférica, o menor nivel de renda da cidadanía e polo infra desenvolvemento das redes públicas de transporte por "unha discriminación que fai que este país careza de infraestruturas que outros territorios teñen desde hai décadas". "O Goberno do Estado ten unha débeda histórica con Galicia en infraestruturas", aseverou Pontón, quen lembrou o "lastre" de "soportar" outras peaxes "elevadísimos" como o da AP-9.

RECADACIÓN

A formación nacionalista lembra que a medida foi deseñada polo executivo popular no que Ana Pastor era ministra de Fomento e no documento que elevou á Comisión de asuntos económicos falábase dunha recadación superior aos 2.700 millóns de euros. "Agora é o PSOE o que colle a substitución", lamenta Pontón, quen considera que é "falaz" que sexa unha medida ecolóxica, porque "verde sería fomentar o transporte colectivo, pero en Galicia vemos que, coa excepción do eixo A Coruña-Vigo, hai un desmantelamento progresivo dos servizos do tren".

En canto ao argumento de que, quen usa paga, tamén o ve "falaz", porque se se traslada esta premisa a outras infraestruturas e servizos públicos, as persoas que non teñen fillos poderían alegar que "non teñen que pagar as escolas infantís ou o sistema universitario porque non o van a usar".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG en rolda de prensa este mércores. BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG en rolda de prensa este mércores. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Falei

O argumento non se sostén. Eu quero que paguen as luces públicas quen ande de noite, quero que pague os bombeiros quen teña lume, .....Todo o mundo usa as autoestradas. Quen o negue, o día que precisa unha ambulancia que lle diga que vaia pola comarcal...