A Audiencia Nacional confirma o procesamento de Sito Miñanco por narcotráfico e branqueo de capitais

Está acusado de participación en 2017 en dúas operacións coas que se pretendía introducir en España case catro toneladas de cocaína.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/05/2021 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A Sala do Penal da Audiencia Nacional confirmou o procesamiento de José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, pola súa participación en 2017 en dúas operacións coas que se pretendía introducir en España case catro toneladas de cocaína e pola creación dunha armazón criminal para branquear o diñeiro obtido coa droga.

O narcotraficante Sito Miñanco, á súa chegada aos xulgados
O narcotraficante Sito Miñanco, á súa chegada aos xulgados | Fonte: Europa Press.

A Sección Segunda da Sala do Penal rexeitou os primeiros sete recursos de apelación presentados polas 46 persoas físicas e outras 5 xurídicas que foron procesadas pola xuíza María Tardón o pasado 18 de decembro por delitos contra a saúde pública relativo a substancias que causan grave dano á saúde coa agravante de notoria importancia no seo dunha organización criminal, branqueo de capitais, delito continuado de falsificación de documento oficial e delito de tenencia ilícita de armas no caso dalgúns procesados.

Entre outros motivos, Sito Miñanco alegaba no seu recurso deficiencias de motivación ou fundamentación do auto de procesamento e indefensión. A Sala considera este reproche inmerecido e explica que os feitos atribuídos ao procesado están claramente descritos no auto recorrido, sen ambigüidade, nin imprecisión algunha.

O tribunal detalla o modo pormenorizado co que o auto de procesamento relata os desprazamentos e reunións que mantivo Prado Bugallo con outros procesados, as medidas de seguridade que adoptaban; como aproveitaba a súa clasificación en terceiro grao para continuar a súa actividade de introdución e distribución de substancias estupefacientes en España.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta