Santiago estrea este sábado a nova estación de autobuses

O edificio organízase en dúas plantas sobrepostas: na inferior sitúanse a área de dársenas e as vías de circulación e manobra de vehículos, mentres que na superior, o edificio acolle os servizos necesarios para atender aos viaxeiros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2021 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O vindeiro sábado 22 de maio comezará a funcionar a nova estación de autobuses de Santiago de Compostela, xestionada polo Concello de Santiago a través de Tussa e situada na remodelada rúa Clara Campoamor, formando parte da intermodal da cidade.

Así, a conexión co centro urbano e coa estación de tren contigua realizarase a través da pasarela transversal elevada, que conecta os edificios e facilita a circulación dos pasaxeiros. Esta infraestrutura tamén se abrirá o vindeiro sábado 22.

O edificio organízase en dúas plantas sobrepostas: na inferior sitúanse a área de dársenas e as vías de circulación e manobra de vehículos, mentres que na superior, o edificio acolle os servizos necesarios para atender aos viaxeiros.

A estación ten un total de 25 dársenas, distribuídas en 19 para transporte interurbano e seis para transporte metropolitano, para acoller as expedicións de 221 chegadas e 224 saídas, de luns a venres laborables, das distintas empresas operadoras de transporte. Na planta principal hai un vestíbulo, área de venda de billetes, información, consignas e, proximamente, servizo de cafetaría e quiosco.

TRANSPORTE URBANO

No referente ao transporte urbano, para facilitar a conexión das estacións de autobuses e de tren co resto da cidade, así como para facilitar os movementos aos Campus, a partir do día da inauguración da estación, pararán na rúa de O Hórreo e/ou na rúa de Santiago León de Caracas as liñas 6, 12, 15, C2, C4, C5, C6 e P3.

Por outra banda, informou o concello, co traslado da Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago á nova estación, as oficinas do servizo da ORA quedarán instaladas na planta principal do edificio a partir do 22 de maio.

Recreación da estación intermodal de Santiago de Compostela.
Recreación da estación intermodal de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta