As farmacias da provincia de Ourense recollerán tests de saliva para detectar a covid-19

Este xoves realizouse unha proba piloto en Allariz.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 20/05/2021 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

As farmacias da provincia de Ourense recollerán tests de saliva para detectar a covid-19 desde este luns, para o que este xoves se levou a cabo unha proba piloto en Allariz.

Unha farmacéutica entrega un test a unha muller
Unha farmacéutica entrega un test a unha muller | Fonte: COLEXIO OFICIAL DE FARMACÉUTICOS DE OURENSE.

O presidente do Colexio oficial de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leis, explicou que a rede de farmacias comunitarias da provincia participará nunha campaña da Consellería de Sanidade para "contribuír a frear a curva de contaxios", segundo trasladou a entidade.

A iniciativa estará dirixida a persoas de entre 12 e 64 anos e a participación das farmacias será voluntaria. Así, os establecementos implicados na campaña deberán entregar ao cidadáns obxecto do cribado un equipo de autorecollida da mostra de saliva, tras o que se recollerá o test e enviarase ao Laboratorio de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo para a súa análise.

No caso de que se detecten positivos mediante estas probas, a xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras xestionará o tratamento dos casos.

Precisamente, a finais do ano pasado, as farmacias de seis concellos de Ourense participaron nunha campaña para realizar un cribado para a detección de anticorpos fronte ao SARS-CoV-2 a través de test serolóxicos.

Leis destacou que o colectivo farmacéutico se puxo "en reiteradas ocasións" a disposición das administracións con competencia en materia sanitaria para colaborar na "loita contra o avance da covid-19". Por iso, puxo en valor o "activo papel" exercido polas farmacias da provincia para "contribuír a minimizar" a expansión da pandemia.

A entrega e recollida de test de saliva en farmacias púxose en marcha de modo pioneiro na provincia de Pontevedra entre os pasados meses de febreiro e marzo, tras o que se estendeu á provincia da Coruña. Posteriormente, a Consellería de Sanidade anunciou a ampliación da iniciativa a toda a comunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta