A Xunta reivindica Galicia como destino seguro

Pide o apoio do Executivo central ao Xacobeo e avoga pola reactivación das feiras e o sector termal.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/05/2021 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A Xunta reivindicou Galicia como destino seguro e avogou pola reactivación das feiras e o sector termal, ademais de pedir ao Goberno o seu apoio ao Xacobeo en senllos actos celebrados na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que acolle Madrid esta semana.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participa na presentación da Feira Internacional de Turismo, Termal, Saúde e Benestar Termatalia
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participa na presentación da Feira Internacional de Turismo, Termal, Saúde e Benestar Termatalia | Fonte: Xunta de Galicia.

Tras participar no pleno do Consello Español de Turismo (Conestur), que tivo lugar este xoves en Fitur 2021, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou Galicia como un destino seguro e pediu ao Goberno central o seu apoio ao Xacobeo. "Galicia está preparada para recibir de novo a viaxeiros e peregrinos. Durante este tempo de pandemia traballamos para ofrecer confianza nun destino e nun camiño seguro", asegurou.

Alfonso Rueda defendeu o papel do sector turístico como motor da recuperación socioeconómica, polo que indicou que o Goberno galego traballou para pór en marcha medidas como o seguro coronavirus, que se activará en menos de tres semanas e cubrirá custos derivados de contaxios. A Xunta destina 1,4 millóns de euros a esta medida pioneira, que será gratuíta para os visitantes de fóra que se aloxen nun establecemento regulado.

REACTIVACIÓN DAS FEIRAS

Por outra banda, o vicepresidente primeiro do Executivo galego apostou pola reactivación do sector das feiras no marco da presentación de Turexpo Galicia 2021, que terá lugar do 3 ao 5 de setembro. Deste xeito, augurou que este evento representará "unha oportunidade para reactivar o sector turístico" mediante a súa área expositiva e o seu programa de actividades.

Tamén lembrou que este ano se celebrará a edición número 43 da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e afirmou que este evento supón un punto de interese turístico ante a gran cantidade de sectores que engloba e o seu programa de actividades. O mesmo recinto acolle o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia), a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca) e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap Abanca).

Rueda tamén avogou pola reactivación do sector termal na presentación da vixésima edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar Termatalia, que se celebrará en Expourense do 16 ao 17 de setembro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta