Temas: PODEMOS PSOE PP AP-9

O PP acusa a PSOE e Podemos de bloquear a transferencia da AP-9

O dirixente popular ourensán Celso Delgado sostén que, mediante as sucesivas prórrogas, o que pretende o Executivo é que a lei non chegue a tramitarse.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2021 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

O deputado ourensán do Grupo Parlamentario Popular Celso Delgado acusou ao Partido Socialista e a Podemos-Galicia en Común de manter "o bloqueo" na Mesa do Congreso á tramitación parlamentaria da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia.

Nun comunicado remitido aos medios, o parlamentario popular sinala que, o pasado martes, a Mesa do Congreso acordou unha nova prórroga, a "número doce", pese ao rexeitamento do PP. Ademais, lembra que neste órgano "ten absoluto control o PSOE de Pedro Sánchez e Podemos-Galicia en Común da vicepresidenta Yolanda Díaz".

O dirixente popular sinalou que o debate da toma en consideración desta iniciativa tivo lugar o pasado 2 de febreiro.Tras superar este trámite, o día 12 acordouse encomendar o dictamen sobre a mesma á Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así como dispor a súa tramitación polo procedemento de urxencia e abrir un primeiro prazo de oito días hábiles -que expiraba o 24 dese mes- para que os deputados e os grupos parlamentarios puideran presentar emendas ao articulado.

Con todo, conforme censurou, "dende aquela data a Mesa do Congreso xa acordou doce prórrogas, das que dez foron aprobadas coa oposición rotunda dos dous deputados do PP que a integran -Ana Pastor e Adolfo Suárez- e que insistiron en cada reunión en que o prazo debía concluír".

"É inxustificable que unha iniciativa cuxa toma en consideración foi aprobada por unha ampla maioría de 287 deputados e cuxa tramitación se dispuxo que fora polo procedemento de urxencia se atope deliberadamente bloqueada polos partidos que teñen o control da Mesa, o PSOE de Pedro Sánchez e Podemos-Galicia en Común da vicepresidenta Yolanda Díaz", insistiu.

Por todo iso, manifestou o seu temor e que as forzas políticas que integran o Executivo "pretendan con estas inexplicables prórrogas de prazos que esta proposición de lei non chegue a tramitarse".

Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande / Europa Press. / Europa Press
Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande / Europa Press. / Europa Press

Temas: PODEMOS PSOE PP AP-9
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta