O sector hoteleiro, optimista: "Será un verán moito mellor que o do ano pasado"

Basearase, sobre todo, en turismo estatal, estancias próximas e con preferencia por hoteis de natureza ou pequeno tamaño.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/05/2021 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

Tras meses de peches e ausencia de turistas, a extensión da vacinación, xunto cos datos positivos en relación á incidencia da covid-19 fan que o sector hoteleiro galego sexa "optimista" en canto ás cifras de ocupación que poden alcanzarse este verán, sobre todo a partir de xullo, que, aínda que lonxe das doutros anos, confían en que empecen a reverter a situación do último exercicio.

Unha parella de peregrinos toma unha foto na Catedral de Santiago durante a ponte de San Xosé
Unha parella de peregrinos toma unha foto na Catedral de Santiago durante a ponte de San Xosé | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

"Vai ser un verán moito mellor que o do ano pasado", considera José Antonio Liñares, de Hostalaría Compostela e propietario do Hotel Costa Vella de Santiago, que percibe entre os turistas nacionais o "desexo de viaxar" unido a unha maior "confianza".

Maio foi para o sector "un mes de transición" no que se reactivaron as reservas, sobre todo na ponte das Letras Galegas, mesmo sen o apoio da meteoroloxía.

Máis aló das primeiras reservas --que xa se están recibindo para meses como xullo, agosto ou setembro--, José Antonio Liñares apunta que os motores de procura evidencian que os turistas están "a empezar a mirar viaxes" e a facer simulacións de compra. "A xente non os está programando aínda, pero si os está vendo", explicou.

Os hostaleiros cren que xuño pode ser o primeiro mes do ano no que, "se non hai problemas derivados da pandemia", as reservas e viaxes "poden ir a modo despegando", con desprazamentos "a contornas próximas e seguras", dentro de España, descartando polo momento os turistas chegados de "países afastados".

No entanto, o sector considera que as reservas e a actividade empezaranse a recuperar máis ben cara ao mes de xullo e, sobre todo, agosto, que "vai ser, posiblemente, o primeiro mes no que se recuperen cifras similares ás prepandemia".

No caso de Santiago, José Antonio Liñares apunta que, durante a primeira quincena de agosto, "se non se enche, a ocupación será elevada" e espera que a cidade recupere parte de turismo internacional en setembro, un mes para o que "xa se están facendo reservas de países europeos como Alemaña, Gran Bretaña e Francia".

Liñares mostrouse optimista tamén coa chegada de peregrinos, que xa poden verse pola cidade "despois de tanto tempo de ausencia", e puxo en valor a vantaxe que supón o turismo de natureza do Camiño de Santiago e os hoteis pequenos e medianos, unha "nova moda" alentada pola covid-19.

Así mesmo, os hostaleiros composteláns estiman que o feito de que este sexa Ano Santo prolongará as cifras de ocupación máis aló do verán, algo que adoita producirse en anos xacobeos, pero que nesta ocasión se verá reforzado pola falta de posibilidades de peregrinación durante os primeiros meses do ano. "Unha vez que comeza, adoita sosterse xa ata fin de ano, eu confío que sexa así", explicou Liñares.

MOTIVOS PARA O OPTIMISMO

Tamén o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, cre que hai "motivos para o optimismo" de cara ao verán, con establecementos hoteleiros de distintos puntos de Galicia que, nas últimas semanas, "comezaron a tramitar reservas, sobre todo a partir da segunda quincena de xullo".

"O sector mantén a súa esperanza en que o proceso de desescalada no que estamos inmersos sexa o último, e que a partir de agora todo nos leve cara á recuperación da normalidade", recoñece.

Máis do 80% dos hoteis de Galicia, segundo datos do Clúster, permaneceron pechados ata o mes de maio e é agora cando "comezan a abrir as súas portas". Estiman, por iso, que a mediados de xuño se recuperará a maior parte da oferta en Galicia e comezará a haber "cifras cada vez máis significativas de ocupación a medida que avance o verán".

Cesáreo Pardal destaca a importancia de dar pasos sen risco e non volver atrás no proceso de desescalada. De feito, apunta, "a recuperación do turismo ten máis que ver coa confianza e a seguridade das persoas que coas normas", polo que é necesario manter os ritmos de vacinación e dar este tipo de garantías aos viaxeiros.

Para o presidente do Clúster, haberá "un período transitorio no que as viaxes se farán en grupos moi reducidos, a destinos próximos e en coche", e cre que ata 2022 non se falará da recuperación do turismo en transportes colectivos, maiores distancias e estancias máis longas.

"Este ano esperabamos recibir en Galicia a uns 6 millóns de visitantes. Con sorte, achegarémonos á metade desa cifra", apunta Cesáreo Pardal, que calcula que os índices previos á pandemia non chegarán ata 2024.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta