A case totalidade dos concellos galegos teñen veciños centenarios

Por enriba de 85 anos hai o dobre de mulleres que homes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/05/2021 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A práctica totalidade dos concellos galegos teñen veciños de 100 ou máis anos, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Con cifras, a xaneiro de 2020, non chegaban á trintena os concellos sen ningunha persoa con esta idade.

Un home e unha muller maiores, sentados nun banco e con máscara, nun parque
Un home e unha muller maiores, sentados nun banco e con máscara, nun parque | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

De acordo cos datos provisonais publicados polo IGE a 1 de xaneiro deste ano, a poboación en Galicia ascende a 2.694.245 persoas, das que superan a idade dos 85 anos un total de 136.444, deles 45.843 son homes e 90.601 mulleres.

Na cifra de entre 80 a 84 anos, segue sendo máis elevado o número de mulleres, aínda que non con tanta diferenza. En concreto, das 100.344 persoas neste tramo de idade, 59.749 corresponden ao sexo feminino e outras 40.595 son homes.

Ademais, o ano pasado, de acordo cos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia situouse como a cuarta comunidade en España con maior número de persoas lonxevas, cun total de 1.823 anos con 100 anos ou máis.

Por concellos, as cifras son moi dispares, de acordo coa estatística recollida a este respecto polo IGE. Nas sete cidades, destaca Vigo, con 177 pesonas de cen anos ou máis, con datos a xaneiro de 2020; seguida da Coruña, con 145; Ourense, con 83; Santiago, con 52; Pontevedra, con 42; Lugo, con 45 e Ferrol, con 32. Hai que ter en conta que esas cifras son lóxicas polo número de habitantes das cidades.

Entre os concellos pequenos, destacan Dozón (Pontevedra) que contabilizaba 18 persoas de cen anos ou máis. En Cerdedo-Cotobade figuraban 20 e na Cañiza, 21. En Ourense, Beariz tiña 10 persoas de cen anos ou máis.

A provincia da Coruña non rexistra tantos centenarios en concellos máis pequenos e esas cifras danse en concellos con máis poboación como Oleiros ou Narón. Na de Lugo concellos como O Saviñao rexistraron 15, Pantón, 14 ou Sober, 12, a cifras de xaneiro do ano pasado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta