Denuncian o traslado forzoso de 150 alumnos dun IES de Pontedeume para reconvertelo en centro de FP integral

Os colectivos de pais e nais de alumnos acusan tanto ás autoridades educativas como locais de non informar debidamente desta decisión que implica o traslado ao centro veciño de Breamo onde xa reciben aulas 350 estudantes.

Por Galicia Confidencial | Pontedeume | 24/05/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación quere “converter o IES Fraga do Eume nun Centro Integrado de FP” de cara o curso 2021-2022. Esta decisión colleu por sorpresa á comunidade educativa relacionada co IES Fraga do Eume que denuncian falta de planificación neste proxecto. A Consellería de Educación informou nun breve comunicado e o Concello de Pontedeume cunha ligazón na súa páxina de Facebook.

IES Fraga do Eume
IES Fraga do Eume | Fonte: Páxinas Galegas

A transformación do actual IES en centro integrado de FP obrigaría a mover 150 alumnos ao centro veciño IES Breamo que xa conta con 350 estudantes. Desta maneira Breamo aumentaría nun 43% o seu volume de alumnado.

“Parécenos que é unha medida inxusta e inxustificada, sen ningún aval educativo ou pedagóxico” din pais e nais. Esta acción segundo eles, propicia o abandono escolar e “unicamente pode responder a criterios economicistas. Máis recortes inxustificados no ensino público”.

O proxecto da Consellería de Educación pasaría por aumentar en 80 prazas a oferta formativa do novo centro de FP. A isto débese engadir a creación e espazos para a formación práctica e  por tanto a reestruturación do edificio “e iso non se fai dun día para outro, necesita planificación”.

Desta maneira, pais e nais afectados non ve axeitado suprimir un centro de ensino secundario “cando en poboacións limítrofes como Miño están a denunciar a masificación do CPI”. Á parte existe a necesidade de construír un novo centro de ensino secundario, ante unha poboación en constante aumento, que repercute tamén nos centros de ensino de Pontedeume.

Sinalan que plans deste tipo afectan tamén  aos centros adscritos públicos: CEIP Andrade, CEIP Eladia Mariño (Concello de Cabanas), CEIP Couceiro e CPI Castro Baxoi (centro do Concello de Miño que nos últimos anos cambiou á adscrición para cursar Bacharelato, de Betanzos ao IES Fraga do Eume) e concertados: Grande Obra de Atocha e Luis Vives.

Nun comunicado, os pais e nais do IES Fraga do Eume consideran que este tipo de medidas non poden ser “impostas sen máis desde a Consellería, teñen que ser acordadas coa comunidade educativa e ser implementadas cun proxecto concreto, axustado á realidade e con recursos suficientes”. Insiste tamén en que 500 alumnos e alumnas van sufrir cambios inmediatos e nin eles nin as súas familias están recibindo ningunha información.

Por último, remarcan a improvisación da medida por non ter resposta ante a necesidade de profesorado para facer os desdobres necesarios  pola situación creada pola COVID e as medidas para atender a estabilidade emocional e á diversidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta