O BNG de Santiago lamenta que Bugallo actúe como Caballero pero sen a súa maioría absoluta

A voceira do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, recriminou ao rexedor actitudes "antidemodráticas" e "servilismo" ante as autoridades estatais e autonómicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2021 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

Dous anos despois do inicio da lexislatura e coa relaxación das medidas e mellora da situación epidemiolóxica, o BNG de Santiago arrincará unha axenda intensa cos colectivos sociais para traballar nas demandas da cidadanía despois de dous anos nos que o balance que fai do goberno de Xosé Sánchez Bugallo é negativo.

Así, a portavoz do Bloque na capital galega lamentou que o rexedor compostelán actúe "como Caballero en Vigo", con actitudes "antidemocráticas" e "soberbia" interna pero "sen a maioría absoluta" sequera do alcalde da cidade olívica. Fronte a esta situación, reprochoulle o seu "servilismo" ante as autoridades estatais e autonómicas, e proba diso puxo como exemplo o acto de inauguración da estación intermodal de Santiago.

Precisamente, sobre a recente inauguración da nova estación de autobuses o pasado fin de semana, Goretti Sanmartín lamentou que a intervención do alcalde se limitase a agradecer esta obra sen ningunha reclamación e acepte o "agravio" de que a conservación da pasarela teña que correr a cargo dos composteláns. Ademais, lamentou que non fixese mención ao acordo unánime plenario de nomeala Daniel Castelao.

"Segue o ronsel de Caballero, moitas luces e publicidade. Actúa coma se tivese maioría absoluta e con comportamentos antidemocráticos", censurou a portavoz do BNG, quen destacou que a súa formación presentou máis de cen mocións, ademais doutro tipo de iniciativas, nos plenos, "moitas delas aprobadas".

"SUSPENSO"

"Pomos un suspenso clarisimamente", dixo Goretti Sanmartín ao ser preguntada por que nota lle outorgaba ao alcalde compostelán, do que dixo que tiña fama de "xestionar" nas súas etapas anteriores, pero de quen concluíu que non se "actualizou" á situación actual e ao que se lle pode achacar "o mesmo" que o PSOE recriminaba ao goberno de Compostela Aberta, ao deixar sen executar sete de cada dez euros.

Principalmente, o BNG compostelán cúlpalle de "falta de diálogo". "Só funciona baixo vía presión. É unha mágoa, non son maneiras de gobernar", dixo Sanmartín, que estivo xunto á concelleira Navia Rivas, quen afeou a "falta de modelo e proxecto" do goberno de Bugallo, ao que acusou de "actuar por inercia e incumprir" os seus compromisos de programa.

Almorzo informativo de Goretti Sanmartín e Navia Rivas, do BNG de Santiago, para facer balance dos dous anos de goberno de Sánchez Bugallo
Almorzo informativo de Goretti Sanmartín e Navia Rivas, do BNG de Santiago, para facer balance dos dous anos de goberno de Sánchez Bugallo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta