Temas: SERGAS MéDICOS

O Sergas aplicará desde setembro o sistema de listas de contratación para médicos temporais en hospitais

Un acordo cos sindicatos permite manter o emprego "ata o 2022" a traballadores que leven polo menos dous anos como eventuais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/05/2021 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publicará as listas definitivas de médicos temporais de varias especialidades de atención hospitalaria en setembro, tras algo máis dun ano desde que se deron a coñecer as provisionais. Isto suporá a aplicación do sistema de méritos para o acceso a unhas prazas que, segundo denunciaban os sindicatos, eran estruturais pero cubríanse con persoal eventual.

Persoal sanitario, hospital, enfermeira, médico.
Persoal sanitario, hospital, enfermeira, médico.

Ademais, como medida transitoria, estes profesionais eventuais gozarán dun período polo cal manterán o seu emprego ata que se publique o nomeamento correspondente ao proceso selectivo, sempre que a día 31 de marzo levasen polo menos dous anos desempeñando as súas funcións.

Todo iso figura nunha orde publicada este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), en base a un acordo asinado entre o Sergas e os sindicatos e polo que a Administración se compromete a elevar a definitivos "no mes de setembro de 2021" os resultados do primeiro proceso de xeración de listas para nomeamentos estatutarios temporais, que xa se anunciaron como provisionais o 24 de agosto de 2020.

Así, por mor da súa publicación, iniciarase "un novo proceso de xeración de listas" que, para a adxudicación das prazas, terá en conta un baremo de méritos e as notas obtidas polos aspirantes nos exames das ofertas públicas de emprego (OPE).

A continuación, para establecer de maneira paulatina este sistema e evitar que estas prazas de médico temporal cubertas con nomeamentos eventuais queden vacantes, o Sergas garántelles "a continuidade na prestación de servizos" ata a adxudicación do posto.

"Considérase preciso adoptar medidas de transición que garantan a permanencia no emprego, máis aló da entrada en vigor das listas de selección temporal, das persoas que estean a cubrir esas necesidades", xustifica o acordo, publicado no DOG.

Con todo, o texto recolle un matiz. Os traballadores con dereito a esta garantía deben ter prestado servizo de maneira eventual "por un período igual ou superior a dous anos" --contados a 31 de marzo de 2021--, así como manifestar "vontade de ser empregado público do sistema". É dicir, deben ou ben figurar na lista de aspirantes publicada provisionalmente, ou ben participar nalgún concurso de méritos convocado desde o 1 de xaneiro de 2019.

Esta decisión, segundo a cal poderán continuar traballando ata o correspondente nomeamento por listas, implica "na práctica" unha "garantía de emprego ata o ano 2022". E é que se considera que nese tempo poderá acceder á condición de persoal fixo en función dos seus méritos, como consecuencia da adaptación do sistema de selección.

Temas: SERGAS MéDICOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta