Gonzalo Caballero sinala a intención de Feijóo de converter a sanidade pública nun "call center"

"O que Galicia necesita é unha aposta pola sanidade pública", reivindicou o dirixente socialista, que sinalou que "despois de 12 anos de enfraquecemento da sanidade pública, non se pode permitir que Feijóo siga danando o sistema".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2021 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pretende converter a sanidade pública nun "call center" coa súa xestión da Atención Primaria. O xefe de filas dos socialistas galegos visitou este martes o municipio ourensán de Amoeiro en compañía do seu alcalde, José Luís González, para avaliar as necesidades dos veciños desta localidade.

Na visita, da que informou o PSdeG nun comunicado, o dirixente socialista censurou o novo sistema de xestión da atención primaria anunciado polo Goberno galego, polo que persoal de administración dos centros de saúde atende chamadas e discrimina se corresponde a atención médica telefónica ou presencial.

"A Xunta quere depositar a sanidade pública nun call center", alertou Gonzalo Caballero, que deixou claro que "non se pode permitir retrocesos" e "máis problemas para a sanidade pública galega".

"O que Galicia necesita é unha aposta pola sanidade pública", reivindicou o dirixente socialista, que sinalou que "despois de 12 anos de enfraquecemento da sanidade pública, non se pode permitir que Feijóo siga danando o sistema" cando este se atopa agora "moi presionado polas necesidades sanitarias froito da pandemia". "Non podemos seguir nesta liña", sentenciou.

Neste sentido, lamentou que o "balance de Feijóo" sexa "debilitar a atención primaria e non fortalecer a contratación de persoal estable no Sergas" e uns servizos de urxencias que "están a recibir a moitos galegos que non poden ser atendidos no seu centro de saúde de forma áxil e no día".

Por iso, o máximo dirixente dos socialistas galegos a feito un chamamento á sociedade galega para que non perita que Feijóo "siga debilitando a sanidade pública e a atención primaria". Ademais, instou ao presidente galego a contratar a máis profesionais. "Necesitamos que saian 5.000 novas prazas estables ao longo da lexislatura e non permitir máis retrocesos", concluíu.

UNHA ESCOLA INFANTIL E UN CENTRO DE DÍA PARA AMOEIRO

En canto ás necesidades do concello de Amoeiro, o líder do PSdeG apoiou as demandas do municipio, empezando pola escola infantil, nun momento no que en Galicia existe un "déficit" neste ámbito: "Hai máis de 2.000 nenos e nenas que quedaron sen praza este ano", afirmou.

Ademais, reclamou ao Goberno galego que constrúa un centro de día no municipio, xa que Amoeiro ten "moita xente maior que necesita vivir con dignidade". O tamén portavoz do PSdeG na Cámara galega anunciou que o seu grupo esixirá no Parlamento que a Xunta constrúa, nesta lexislatura, tanto unha escola infantil como un centro de día en Amoeiro. "A Xunta ten que cumprir con Ameoiro", sinalou.

"QUEREMOS QUE A XUNTA MIRE POR AMOEIRO"

Pola súa banda, o alcalde da localidade, José Luís González, incidiu na importancia de construír unha escola infantil que de servizo ás familias máis novas e loitar así contra o despoboamento do rural galego.

Ao tempo, o rexedor destacou a necesidade de contar cun centro de día. "Temos 144 persoas maiores de 70 anos que viven soas e o 33% da poboación de Amoeiro está envellecida", sinalou. "Para nós é primordial", sinalou tras asegurar que o concello pon a disposición da Xunta un terreo de 3.500 cadrados para "o que queiran". "Queremos que a Xunta mire por Amoeiro e que teñamos, dunha vez por todas, unha axuda do goberno galego", concluíu.

Por último, o máximo responsable do socialismo galego destacou a "magnífica xestión" do alcalde de Amoeiro e dos membros do seu goberno ao longo da pandemia, nun momento de "enormes retos e dificultades para as entidades locais". "Deron o mellor de si mesmos", valorou nunha comparecencia coa presenza do secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Villarino, o deputado Juan Carlos Francisco e edís de Amoeiro.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visita o municipio ourensán de Amoeiro. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visita o municipio ourensán de Amoeiro. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta