A Xunta comprométese a ampliar a Rede Natura e o BNG denuncia o seu abandono para dar "barra libre" a eólicos

Os nacionalistas acusan o Goberno de Feijóo de situar Galicia como "última comunidade" en protección, cun 12% do territorio fronte á media estatal do 27%.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/05/2021 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, comprometeu a "ampliación" da Rede Natura en Galicia a partir dos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC). No pleno do Parlamento, o deputado Luís Bará (BNG) realizou unha interpelación para denunciar que os populares "paralizaron a ampliación da Rede Natura", de forma que Galicia é a "última comunidade" en protección, cun 12% do territorio fronte á media estatal do 27%.

Río nun bosque autóctono
Río nun bosque autóctono | Fonte: Xunta de Galicia.

Tras referirse a Francisco Conde como "conselleiro de demolición ambiental", reprochou que "practican de marabilla a mercadotecnia verde", pero avisa de que é "pura maquillaxe".

Bará censura que a ampliación de Rede Natura está "gardada nun caixón" para dar "barra libre" á tramitación de parques eólicos, nun "modelo depredador e de espolio".

Pon de exemplo que Alberto Núñez Feijóo se reuniu esta semana coa empresa EDP, unha compañía que "pon en risco" os Penedos de Traba. Con todo, avisa de que o Bloque vai facer fronte por "terra, mar e aire".

En resposta, Conde acusou a Bará de "tomar esta tribuna coma se fose un teatro" pola "sarta de despropósitos que trasladou na súa intervención".

Así, Conde dixo que o BNG realiza unha "campaña de criminalización" do sector eólico, mentres sostén que "non é certo que o sector eólico estea ao servizo das grandes multinacionais" e "non é certo que incumpran con todas as garantías de protección ambiental".

Remarca que "todos" os parques eólicos deben superar unha avaliación ambiental ordinaria, que é a "máis esixente" na normativa estatal, de forma que se avalían efectos sobre o valor natural e paisaxístico.

A continuación, o conselleiro de Economía insiste en que "non se aproba ningún proxecto que non conte con todas as garantías desde o punto de vista técnico, xuridício e ambiental". Sobre este extremo, remarca que a Xunta denegou 35 parques eólicos. "Non engane á xente", dixo Conde a Bará.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta