Sae da dirección de Adif o alto cargo que será xulgado por 80 homicidios por imprudencia profesional grave

Andrés Cortabitarte presentou a súa renuncia á subdirección na que estaba desde 2017 e queda como técnico especialista

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2021 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

O exdirector de seguridade na circulación de Adif Andrés Cortabitarte, que vai ser xulgado por 80 supostos delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave na liña na que se produciu o accidente do tren Alvia en Angrois, deixou o seu posto de libre designación como alto cargo na empresa pública.

Cortabitarte presentou a súa renuncia este luns á subdirección na que estaba desde 2017, a de Xestión Loxística de Aprovisionamentos, e Adif aceptouna, segundo avanza o diario 'La Voz de Galicia' e confirman fontes do ente público. Agora, queda coa categoría coa que accedeu: a de técnico especialista.

A plataforma de vítimas do accidente levaba anos reclamando o cesamento deste alto cargo do seu posto de libre designación, e é que o sinistro no que morreron 80 persoas e pola que serán xulgados tanto Cortabitarte como o maquinista ocorreu en xullo de 2013.

De feito, nunha reunión en 2018, tanto o ministro por entón de Fomento, José Luís Ábalos, como a presidenta de Adif, a galega Isabel Pardo de Vera, comprometéronse a que abandonaría a dirección da empresa pública "no momento procesual" da apertura do xuízo oral.

Con todo, o pasado mes de abril, aos poucos días de facerse público o peche definitivo da instrución, e a preguntas dos xornalistas durante un acto en Compostela, o titular agora de Transportes --a nova denominación do ministerio-- defendeu que Andrés Cortabitarte seguise nesa subdirección xeral, ao alegar non tiña xa "ningunha responsabilidade en materia de seguridade".

O FISCAL PIDE CATRO ANOS DE CÁRCERE

Os maxistrados da Audiencia Provincial da Coruña atribúen ao que foi director de seguridade na circulación de Adif a falta de atención do "risco especial de descarrilamento" na curva da Grandeira.

Pola súa banda, o fiscal, no seu escrito de acusación, no que pide para el catro anos de cárcere, como para o maquinista, sostén que "o accidente non sucedese se Adif e Cortabitarte xestionasen o risco de exceso de velocidade no tramo". Esa ausencia de xestión foi a que provocou, segundo o Ministerio Público, que a liña non fose segura.

Andrés Cortabitarte, o cargo de Adif investigado polo Alvia. EUROPA PRESS - Archivo
Andrés Cortabitarte, o cargo de Adif investigado polo Alvia. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A liña non é segura dende que o ministro Pepe Blanco decidiu deixar como estaba a curva da Grandeira para aforrar cartos e poder inaugurar a liña en campaña electoral ! Pepe Blanco en directo SABE TODO de Angrois! https://youtu.be/pAt39plgwoc?t=53s Na Comisión de Investigación NON SABE NADA da Seguridade! https://youtu.be/1qSxOTdJfno?t=57m4... As vítimas reclaman xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw