Segue sen variar o tempo de resposta ante infarto de miocardio: mantense en niveis de fai cinco anos

A Xunta resalta que estes tempos reflicten que as persoas que sufriron un infarto en 2020 "non quedaron nas súas casas por medo"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2021 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

O tempo medio de resposta ante unha chamada ao 061 para atender un caso de infarto de miocardio mantense en niveis de fai cinco anos. En 2020, o tempo de resposta foi de 74 minutos polos 73 que houbo en 2015, ano no que botou a andar o Rexistro galego de infarto agudo de miocardio (Regaliam).

Este dato foi apuntado polo director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, quen, en resposta a unha pregunta formulada polo Grupo Popular na Comisión 5ª do Parlamento galego, fixo balance do cinco anos do rexistro Regaliam.

Desde a súa posta en marcha ata decembro de 2020, Galicia rexistrou un total de 6.430 infartos agudos. Durante ese período, a reperfusión mediante angioplastia chegou ao 90% dos pacientes, mentres que o número daqueles tratados a través de fibrinolise caeu por baixo do 5% e o de non reperfundidos descendeu ao 2%.

En canto aos tempos de atención, divididos entre o período que vai desde o inicio dos síntomas ao primeiro contacto sanitario e desde o diagnóstico á realización da reperfusión de arteria, Aboal destacou que o primeiro parámetro mantívose "estable" durante os últimos cinco anos e foi "similar tamén" en 2020, ano marcado pola pandemia.

Así, en 2015 o tempo desde os primeiros síntomas ao primeiro contacto cos profesionais sanitarios foi de 73 minutos, mentres que ao termo de 2020 quedou fixado nos 74 minutos. Para a Xunta, este dato reflicte que as persoas que padeceron un infarto agudo de miocardio en 2020 "non quedaron nas súas casas por medo á pandemia" e "si contactaron cos sistemas sanitarios como calquera outro ano".

Aboal tamén resaltou unha "mellora" nos tempos de atención dentro do sistema sanitario, é dicir, desde o diagnóstico á apertura da vea causante do infarto, que terminou o ano 2020 nos 99 minutos, 21 por baixo do indicador da Sociedade Española de Cardiología.

Por último, o responsable da Consellería de Sanidade tamén puxo o acento na baixada ao 2,59% do índice de mortalidade a 30 días, que presentou en 2020 o mellor dato desde a creación do rexistro en 2015.

Jorge Aboal, durante a comisión.. Xunta de Galicia
Jorge Aboal, durante a comisión.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta