Galicia "cumpre": no ano 2020 recicláronse máis de 71.000 toneladas de residuos

A taxa de recollida selectiva creceu un 2,2% respecto ao ano pasado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2021 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O balance de reciclaxe en Galicia do ano 2020 deixou cifras positivas con "máis de 71.000 toneladas" de plástico e cartón recicladas en total, preto de 14'6 kg por cada habitante no colector amarelo e 15 kg no colector azul.. O incremento da recollida no colector amarelo --plástico, latas e tetrabriks-- foi de "13'4%" con respecto ao ano 2019, mentres que no colector azul --papel e cartón-- creceu "un 1'2%" este último ano. En canto ao número de colectores actualmente instalados para reciclar, hai 36.000 colectores amarelos e 14.500 azuis. Este feito incrementou "un 2'2%" a taxa de recollida selectiva na principal planta de tratamento galega, Sogama.

Presentación do balance de reciclaxe 2020 no Monte do Gozo
Presentación do balance de reciclaxe 2020 no Monte do Gozo | Fonte: Europa Press


Estes son algúns dos datos expostos polo representante de Ecoembes en Galicia, Bruno Llanos, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que presentaron este venres o balance de reciclaxe de Galicia no ano 2020, acompañados pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos.

Brunos Llanos resaltou que "os cidadáns estiveron mesmo máis concienciados co medio ambiente" a pesar do ano "complicado" que supuxo 2020. Segundo o representante da organización ambiental, o crecemento durante o confinamento "foi importante" pero "todo o ano creceu", polo que, constata, "os galegos están comprometidos". Ademais, afirmou que o hábito máis común dos cidadáns galegos en casa "é reciclar" e quixo agradecer a colaboración da "Xunta de Galicia, asociacións como Cruz Vermella, asociacións veciñais e mesmo, asociacións deportivas".

O CAMIÑO DA RECICLAXE

Neste sentido, Ángeles Vázquez asegurou que o camiño a seguir "é o camiño da reciclaxe", no que deben colaborar con "hostaleiros, centros educativos, coas distintas asociacións" pero sen esquecer que teñen que "chegar aos fogares". Así mesmo, confirmou que, desta maneira, contribúen "a frear o cambio climático" e a "ter menos emisións de CO2". O cambio climático é un problema global que, para a conselleira, hai que frear "de maneira local" e neste sentido, "Galicia está a cumprir", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta