O PSdeG urxe á Xunta a impulsar a reactivación económica, cultural e social de Galicia

Gonzalo Caballero critica que a Xunta reduciu os fondos para o sector cultural.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/05/2021 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu á Xunta a reactivación económica, cultural e social de Galicia tras a pandemia, durante a súa visita á produtora Vaca Films na Coruña, á que cualificou como unha "referencia" no sector audiovisual e a cultura.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visita a sede de Vaca Films.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visita a sede de Vaca Films. | Fonte: PSdeG.

Sobre este sector, o líder dos socialistas galegos manifestou que "se sente abandonado pola falta de compromiso durante a pandemia". "E tamén agora, cando hai que impulsar a reactivación". Ademais, sostivo que a Xunta reduciu estes anos os fondos para o sector cultural e manifestou que a súa reactivación é "unha cuestión fundamental".

En canto á reactivación económica e social, Caballero pediu á Xunta "despregar todas as capacidades das políticas públicas que están nas súas competencias". "Hai un fallo de compromiso", dixo sobre o Executivo galego e apuntando que isto deixa "orfa" á sociedade galega na reactivación.

Caballero denunciou que no ámbito dos servizos públicos a Xunta deixa a Galicia "á cola de España", sendo a décimo terceira comunidade no desenvolvemento dos servizos públicos, "con menos traballadores sociais e menos gasto por habitante a pesar de que a nosa poboación é maior".

Segundo expresou, "a Xunta quere converter a sanidade nun 'call center', hai que esperar 18 días máis para entrar en quirófano e oito días para que te atenda un especialista", e sostivo que o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que hai que esperar dous anos para que a sanidade pública volva á normalidade.

Gonzalo Caballero tamén demandou políticas en materia de emprego xa que Galicia, dixo, tivo "o maior índice de desemprego respecto de calquera comunidade autónoma". Por iso, pediu á Xunta "despregar todas as súas capacidades nun ano no que recibiu 1.200 millóns de euros extras e no que haberá 234 millóns para pemes e autónomos".

O líder dos socialistas galegos solicitou tamén ao presidente da Xunta que "deixe de ser un obstáculo para a reactivación de Galicia e se converta nun impulsor".

"Os socialistas estamos a gobernar con avance en todos os lugares nos que podemos e desde logo facendo unha gran xestión. O Goberno de España está a facer un labor de paraugas para a reactivación do país", dixo sobre o seu partido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta