BNG e PSdeG presentan senllas propostas por unha Galicia 'verde' contra o modelo enerxético do PP

O plan do Bloque inclúe unha empresa pública de enerxía e a ampliación da Rede Natura ata o 20% do territorio galego. Caballero reivindica un "galeguismo verde" e propón un pacto para "renaturalizar" Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2021 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este sábado unha batería de 30 propostas para conseguir unha Galicia 'verde' que faga fronte ás políticas de "barra libre" ao "espolio" e aos "lobbies enerxéticos e forestais" que, segundo denunciou, practica o PPdeG á fronte da Xunta. Nun acto celebrado no Parque Eugenio Granell de Santiago de Compostela, rodeada de decenas deputados e cargos orgánicos da formación, a dirixente nacionalista advertiu de que "o futuro está en risco". "E se algo está a preocupar á mocidade é, precisamente, esta crise climática que é unha cara máis desta profunda crise que estamos a vivir", explicou.

Neste contexto, Pontón debullou algunhas das decenas de propostas que inclúe a folla de ruta do Bloque, vertebrada en sete grandes áreas: biodiversidade, enerxía, axenda urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía. Así, a portavoz nacional do BNG suxeriu a creación dun fondo de conservación da natureza con 100 millóns de euros de investimento, así como a intención de que a Rede Natura alcance o 20 por cento do territorio galego. Xunto a iso, un plan para combater a fragmentación de hábitats e outro que aborde a xestión de especies exóticas e invasoras.

Sobre a enerxía, Pontón abordou a necesidade de que sexa un "ben público" e un "sector estratéxico" da economía de Galicia, para o que reiterou a proposta de crear unha empresa pública de enerxía, para que os beneficios "non vaian para os que están nos consellos de administración"; e unha aposta polas renovables "pero con perspectiva de país". No que respecta á axenda urbana, demandou unha folla de ruta con horizonte en 2030 que tome como modelo a xestión do BNG nos concellos que goberna. Así mesmo, no ámbito da mobilidade, pediu un fomento do transporte público e da intermodalidade entre tren, autobús, transporte marítimo e bicicletas.

Ana Pontón tamén suxeriu deseñar unha "Estratexia da Auga 2030" que inclúa a conservación de acuiferos superficiais e subterráneos, un consumo responsable, a modernización das redes de abastecemento e a rexeneración integral das rías. Igualmente, avoga por "reducir ao mínimo" a rexeneración de residuos como plásticos, os industriais, os da construción e os agrogandeiros.

Así, avanzou a súa intención de que a próxima Asemblea Nacional --máximo órgano da formación, que en 2020 foi aprazada pola pandemia-- aborde unha "carta ambiental do BNG" coa que a organización política adquirirá "compromisos internos" nesta materia. "Son as propostas dun BNG verde, ecoloxista que sintoniza coas preocupacións da sociedade, en especial da xente nova, con respostas aos desafíos ambientais, un arsenal de ideas para facer de Galicia un referente do desenvolvemento sustentable e da loita contra a emerxencia ambiental e a crise climática", explicou Pontón. E é que todas elas son medidas, concluíu, que contribúen construír unha Galicia "dona de si, próspera, innovadora, científica, feminista e verde". "E imos construíla colectivamente".

Caballero (PSdeG) propón en Santiago un pacto galego verde para renatularizar Galicia
Caballero (PSdeG) propón en Santiago un pacto galego verde para renatularizar Galicia

PSDEG

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou este sábado o "galeguismo verde" dos socialistas, co exemplo da xestión do Goberno central, fronte ao "ecopostureo" que atribuíu á Xunta e a "outras formacións" que defenden verbalmente a aposta ambiental pero despois "non o reflicten cos seus votos" ante o impulso de normas como a lei de cambio climático. En fronte, nun acto en Santiago, o dirixente socialista remarcou as iniciativas impulsadas polos socialistas e comprometeuse a tratar de impulsar "un gran pacto galego verde" chamado a "renaturalizar" Galicia, co foco especialmente posto nas cidades, e que incorpore non só aos partidos, senón "a todos os axentes económicos e sociais", e a todas as administracións.

Á marxe das iniciativas xa presentadas no Parlamento e outras institucións, avanzou que nos próximos meses realizaranse actos e seminarios nos que se poderá ratificar "o compromiso verde" do PSdeG e evidenciar que, fronte ao "ecopostureo" --acusou á Xunta de reducir o orzamento reservado a medio ambiente--, existe "unha alternativa ambiental" no plano político autonómico.

Na súa intervención, defendeu a necesidade de protexer a biodiversidade galega e incidiu na necesidade de impulsar unha transición ecolóxica xusta. Respecto diso, remarcou que a xestión do Goberno que dirixe Pedro Sánchez se axusta a este mandato fronte ao PPdeG, "delegado das empresas enerxéticas", que lidera Alberto Núñez Feijóo. "A ver se en Galicia somos capaces de afrontar un modelo equilibrado", apelou. Tras defender que o Goberno estatal "lidera" a axenda ambiental do Estado fronte a quen se pon de perfil ou se opoñen" a apoiar leis como a de cambio climático, enumerou a ducia de prioridades que, no marco da súa proposta de pacto galego, pon sobre a mesa os socialistas galegos, empezando por "renatularizar as cidades".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presenta a estratexia verde da formación nacionalista.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presenta a estratexia verde da formación nacionalista.. BNG | Fonte: Europa Press

Tamén considerou clave apostar pola protección do bosque autóctono, incidir na reciclaxe, defender a biodiversidade da fauna e flora, protexer os ríos, e impulsar modelos de xeración de enerxía alternativa sustentables fronte a un modelo económico do PP que "vai sen rumbo". "E necesitamos acordar e pactar as bases do modelo eólico para que o desenvolvemento chegue aos concellos e non só enriqueza ás empresas", dixo, antes de defender a loita contra o cambio climático, así como protexer a paisaxe e coidar os parques naturais, en cuxa xestión outorgou "un suspenso" á Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Hipocrisía

"Verde" o BNG? É que non se lembran de Massó, de Reganosa, de Galiza non se vende...?

1 Ricardo R.

Empresa pública de energía para colocar a los enchufados de partido o sindicato nazonal y servir de retiro a Lores, Pontón y demás jerifaltes cuando después de 40 años de poltrona necesiten un sitio para descansar