A Xunta defende que renova os recursos antiincendios e reprocha: "Sempre se buscan fotos dos máis antigos"

José González nega que a lei de recuperación de terras permita expropiacións, senón que se refire a leiras sen "propietario coñecido".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2021 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, reivindicou este domingo o esforzo investidor da Xunta para renovar os equipos e recursos antiincendios e reprochou aos representantes dos axentes forestais que "sempre se buscan as fotos dos máis antigos e non se poñen encima da mesa as fotos dos novos".

Así o aseverou nunha entrevista concedida á Cadena Ser, recollida por Europa Press, na que asegurou que todo este investimento "xa está nos orzamentos" do Goberno galego para 2021 e contemplada no plan de loita contra os incendios (Pladiga). A modo de exemplo, recalcou que a súa Consellería ten aberto "desde hai anos" un "proceso de renovación intensa do parque móbil". "Pódoche asegurar (á entrevistadora) que a práctica totalidade dos coches do servizo, a través de 'renting', non son do ano 2008", afirmou, para seguidamente matizar que, en caso de haber algún, a Xunta camiña "cara a esa renovación".

Ademais, destacou os recambios no material cos que traballarán os efectivos na campaña deste ano, entre equipos de protección e ferramentas de extinción. "Hai dous meses entregamos 11 motobombas e nos últimos anos levamos entregadas 87. Estamos practicamente na renovación do 50 por cento do parque de motobombas", garantiu. Tal e como reivindicou González, a Xunta "está a traballar, claramente, nunha aposta por un servizo de extinción profesionalizado e con medios materiais e humanos e suficientes".

O conselleiro do Medio Rural aproveitou a entrevista para lembrar outros proxectos postos en marcha pola Administración autonómica como o lanzamento "antes do 31 de decembro de 2022" dunha nova base aérea en Verín para atacar os lumes do sur de Galicia, así como un centro integral para a loita contra os incendios en Toén.

Outro asunto relevante que inclúe o Pladiga é a creación dunha unidade de investigación dos lumes forestais, que aínda que non implicará un incremento dos efectivos, si suporá que parte deles estarán agora "dedicados en exclusiva" a este labor.

LEI DE RECUPERACIÓN DE TERRAS

Semanas despois da aprobación da nova lei galega de recuperación de terras agrarias, o conselleiro do Medio Rural defendeuna como un "bo mecanismo" para poñer en uso parte das leiras abandonadas de Galicia. Iso si, na entrevista concedida á Cadena Ser, negou que este texto fale de expropiacións "en ningún caso", senón que contempla que pasarán a titularidade da Xunta, concretamente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), aquelas que non conten "con propietario coñecido" tras un proceso de investigación.

E é que, tal e como lembrou o conselleiro, "unha das principais reflexións" da comisión de estudo dos incendios forestais do Parlamento de Galicia incidía na necesidade de acometer "unha ordenación de usos" no rural. Neste contexto, José González defendeu o mantemento do Banco de Terras, un instrumento posto en marcha polo bipartito de PSdeG e BNG cunha lei do 2007, pero incidiu en que está "moi cambiado e moi mellorado" tras os sucesivos gobernos do PP.

"INFLEXIBLE" COA PAC

Noutra orde de cousas, o conselleiro do Medio Rural comprometeu unha posición "inflexible" de Galicia para defender "os intereses dos gandeiros galegos" nas negociacións dos fondos da a Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea. Neste punto, destacou a unanimidade conseguida coa oposición --BNG e PSdeG-- e, a pesar da "relación boa" da Xunta co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, advertiulle que "hai algunha cuestión que pode prexudicar" a Galicia en canto á repartición dos montantes.

O conselleiro do Medio Rural, José González, nunha entrevista para a Cadea Ser.. CADEA SER
O conselleiro do Medio Rural, José González, nunha entrevista para a Cadea Ser.. CADEA SER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta