Gonzalo Caballero di que "hai alcaldes do PP" que piden a dimisión do conselleiro de Medio Rural

O BNG critica o "deixamento" da Consellería do Medio Rural cos lumes forestais e o PSdeG esixe que "deixen a propaganda".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

A viceportavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia Paula Prado defendeu este luns a xestión da Xunta na loita contra os incendios forestais ante as críticas da oposición e aproveitou para reclamar ao Goberno de España a cobertura "de todas as prazas" da Policía Autonómica.

Nunha rolda de prensa tras a reunión semanal do Grupo Popular, Prado rexeitou as acusacións de BNG e PSdeG cando a Comunidade galega está "moi avanzada na loita contra o lume" porque "cada ano se invisten máis medios", estes "son máis modernos" e "cada vez estase vendo como hai menos hectáreas queimadas".

"Se efectivamente pode haber algúns medios que poidan ser máis antigos, mentres sexan útiles e poden afrontar situacións de lume, por que se vai prescindir deles? O importante é seguir actualizando os que hai", subliñou.

Dito isto, aproveitou para pedir ao Goberno central que cubra "todas as prazas" da Policía adscrita, que "a día de hoxe" son uns 375 cando a dotación completa está fixada en 500.

"E tamén son moi necesarios os recursos profesionais para facer fronte ao lume", apostilou a viceportavoz parlamentaria do PPdeG.

O BNG CRITICA O "DEIXAMENTO" DA XUNTA

En concreto, as críticas de nacionalistas e socialistas producíronse un día despois de que o conselleiro do Medio Rural, José González, cuestionase durante unha entrevista na Cadea Ser que "sempre se buscan as fotos dos equipos máis antigos e non se pon encima da mesa as fotos dos novos".

"O grave é que existan esas fotos, non que se mostren", manifestou, ao ser preguntado respecto diso, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen insistiu en que o que hai é un "deixamento" en todo o que ten que ver coa política forestal e a loita contra o lume.

A líder nacionalista censurou que "non se dote dos medios e recursos suficientes" a loita contra os incendios. "Os lumes apáganse no inverno, non no verán", aseverou a tamén deputada no Parlamento galego, quen viu en José González un "conselleiro repetitivo" con respecto aos seus antecesores e que "non asume" que os incendios é "un dos primeiros problemas ambientais de Galicia".

PSDEG: UN CONSELLEIRO "DESASTRE"

Así mesmo, tamén preguntado por estas declaracións de González, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lembrou que "ata alcaldes do Partido Popular piden a dimisión deste conselleiro" que "é un desastre".

"O PP abandonou o medio rural e nas pronvincias de Ourense e de Lugo hai un profundo rexeitamento mesmo na dereita ao abandono do medio rural que fai o Goberno de Feijóo e que se personaliza neste conselleiro", sinalou.

Neste sentido, emprazou ao Executivo autonómico a "porse a traballar" e a "deixar a propaganda" para dar atención aos problemas do rural e tamén para atender aos sectores que traballan contra o lume dándolle medios e condicións adecuadas".

O xefe de filas dos socialistas galegos ha inicido en que as políticas para o medio rural por parte dos gobernos de Feijóo caracterizáronse por ser "ausentes". "Feijóo debería repensar todas as políticas que fai, porque hai unha Galicia que perde poboación, que perde medios e que está a ser abandonada pola Xunta", apuntou.

Bombeiro loitando contra un lume forestal. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Bombeiro loitando contra un lume forestal. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta