Feijóo quere ofrecer vacinas como "reclamo" turístico para Galicia

"Sería un activo importante e un reclamo en termos de seguridade", subliñou o presidente da Xunta á vez que advertiu: "a economía de España non se vai recuperar mentres non se recupere o turismo".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 31/05/2021 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou este luns na presentación oficial da campaña 'Camiña a Galicia', que pon en valor a comunidade como destino turístico seguro, e insistiu en que "debería poder ofrecerse" aos visitantes a posibilidade de vacinarse contra a Covid cando cheguen a España e a Galicia.

En declaracións aos medios tras o acto de presentación da campaña, Núñez Feijóo sinalou que, se un país como España ten entre os seus obxectivos recuperar os seus 85 millóns de visitantes internacionais, "debería ter as vacinas suficientes" para ofrecelas aos turistas que cheguen e non estean inmunizados contra a Covid.

"Sería un activo importante e un reclamo en termos de seguridade", subliñou, á vez que advertiu de que "a economía de España non se recuperará mentres non se recupere o turismo". Por tanto, engadiu, a vacina "debería formar parte das prestacións" que teñan os visitantes cando ao mesmo tempo que reservan un hotel ou un apartamento.

No entanto, o presidente galego admitiu que "para iso se necesitan vacinas, e neste momento, probablemente a porcentaxe non chega para a poboación residente", polo que "aínda é moi difícil poder ofrecelas de forma indiscriminada". "Pero se seguimos comprando vacinas, que creo que debemos seguir facéndoo, deberiamos ofrecelas aos turistas para acreditar que España é un lugar seguro".

'CAMIÑA A GALICIA'

Durante o acto de presentación da campaña de turismo, no que tamén participaron o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; ou o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, entre outros, Núñez Feijóo proclamou que Galicia está "preparada" e conta con "as bazas necesarias" para poder superar, en 2022 e co Xacobeo, a marca de 5 millóns de visitantes.

O titular do Executivo galego, que destacou o carácter hospitalario e integrador da comunidade, puxo en valor que Galicia é un destino seguro. De feito, sinalou que o avance da vacinación, con máis do 50 % da poboación con polo menos unha dose (e case o 28 % coa pauta completa) converte a Galicia en "o lugar máis seguro de España".

Ademais, Feijóo afirmou que a comunidade leva "moito tempo preparándose" para a reactivación do turismo, á vez que lembrou as medidas postas en marcha polo seu goberno para apoiar ao sector durante a pandemia: os plans de rescate, o bono turístico, o seguro 'Covid' para turistas, ou o certificado de vacinación para os inmunizados.

Pola súa banda, Alfonso Rueda explicou que a campaña 'Camiña a Galicia' dará a coñecer a oferta turística da comunidade por toda España, co obxectivo de "chegar a 35 millóns de persoas" a través de carteis, 'mupis', cuñas radiofónicas e 'anuncios' publicitarios.

Mentres, o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, agradeceu o apoio da administracion autonómica a un sector "exhausto tras 15 meses de parón e de preocupación", e engadiu que "sería desexable a implicación doutras administracións, que están a tardar demasiado en reaccionar".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, fronte a un cartel da campaña turística 'Camiña a Galicia', presentada en Vigo.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez, fronte a un cartel da campaña turística 'Camiña a Galicia', presentada en Vigo.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

GALICIA ENTRE AS COMUNIDADES CON MENOS OCUPACIÓN HOTELEIRA


Asturias (+42,6%), Baleares (+18,7%) e País Vasco (+18,2%) foron as comunidades que máis creceron en reservas de hotel durante a semana pasada con respecto á anterior, segundo os datos da plataforma de transaccións electrónicas entre empresas turísticas TravelgateX, que sitúa a Galicia entre as autonomías con menor número de reservas rexistradas.

Canarias ocupou o cuarto posto, cun crecemento das reservas do 13,7%, mentres que a Comunidade Valenciana foi quinta, cun aumento do 8,4%. Ademais, Andalucía representou un 27,4% da cota de mercado en canto a reservas, mentres que Baleares e Canarias tiveron un 16,5% e 13,8%, respectivamente.

Doutra banda, País Vasco, Asturias, Castela e León e Galicia foron as que tiveron menos volume de reservas sobre o total en España, por baixo do 3%. Comunidade Valenciana supuxo o 12,5%, Cataluña o 12% e Madrid o 5% da cota.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta