Francisco Conde reprocha ao Goberno "inacción" coas plantas de Alcoa e Alu Ibérica

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía considera que o Goberno Central está a deixar "pasar o tempo" e espera unha "rectificación". O PSdeG insiste na importancia da cooperación entre administracións para afrontar a crise de Alcoa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2021 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, denunciou a "inacción" do Goberno en relación á situación da planta de Alcoa de San Cibrao, en Cervo e tamén de Alu Ibérica na Coruña.

A preguntas dos xornalistas, e sobre a fábrica de San Cibrao, cuestionou que "agora sexan os traballadores quen se teñan que reunir cos compradores", en relación co encontro que manterán o día 9 con representantes da empresa Liberty.

"Sorprende que o Goberno se desentenda deste proceso e o compromiso que tiña adquirido de intervir a través de SEPI parece que non se vai a cumprir", asegurou o conselleiro para quen o Executivo está a deixar "pasar o tempo".

Ao fío diso, manifestou que a Xunta seguirá demandando esta "intervención" da SEPI. "E se se desentiende é indicativo e preocupante de cara ao futuro", apostilou. "Esperamos que haxa unha rectificacion e que o Goberno interveña en todas as conservacións para identificar o comprador que dea estabilidade aos postos de traballo", engadiu.

ALU IBÉRICA

Respecto da situación da planta de Alu Ibérica na Coruña, considerou que se está tamén ante a mesma "estratexia" de "inacción". "Non resolve os problemas dos traballadores que necesitan unha actuación directa por parte do Goberno".

"Para poder validar se desde o punto de vista técnico e financeiro levan desenvolvendo todas as actuacións comprometidas na operación de venda", engadiu.

O conselleiro argumentou tamén que "independentemente da intervención xudicial, o Executivo central ten que convocar a mesa industrial" con presenza, recalcou, de traballadores e das comunidades autónomas de Galicia e Asturias. "E poder constatar se efectivamente se cumpriron todos os compromisos que o propio Goberno avalou", insistiu.

O vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde
O vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde | Fonte: Xunta de Galicia.

GONZALO CABALLERO

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu a apelar á "cooperación" entre "todas as administracións" para facilitar así a venda da factoría de Alcoa en San Cibrao --Cervo (Lugo)--.

Caballero defendeu que "o proceso de Alcoa ten que manter toda a cooperación entre todas as administracións para conseguir que se produza unha venda, que posibilite o mantemento da actividade industrial e o mantemento do emprego".

"Ese é o noso compromiso e eu como secretario xeral do PSdeG vou traballar todo o posible e en todas as direccións para que a Xunta de Galicia tamén se poña a facer política industrial, para que cumpra coa Mariña e con Alcoa e para conseguir que esa venda se poida facer", comprometeuse.

Caballero apelou a "manter toda a presión porque hai que facer efectiva esa venda". "Hai distintas empresas con proxecto industrial, con traxectoria no sector que están dispostas a adquirir unha planta que ten viabilidade, que ten posibilidade de dar beneficios, que ten proxecto industrial e que é moi importante que siga funcionando na Mariña, porque a queremos en Galicia e porque a queremos no norte de Lugo", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta