O PSOE apoia unha moción de censura do PP contra o alcalde de Santa Comba

O portavoz local do PSOE xustifica a medida ante o "incumprimento" do acordo de goberno por parte do rexedor de CxG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/06/2021 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Santa Comba (A Coruña), co apoio de dous edís do Partido Socialista local, rexistrou este martes unha moción de censura contra o alcalde, David Barbeira, o único representante de Compromiso por Galicia.

José Antonio Ucha, ex alcalde de Santa Comba, do PSdeG
José Antonio Ucha, ex alcalde de Santa Comba, do PSdeG | Fonte: EP

A iniciativa, que ten como obxectivo que a cabeza de lista da populares María José Pose sexa a nova rexedora, foi rexistrada coas firmas de seis edís do Partido Popular e de dous edís do PSOE: José Antonio Ucha Velo e Cristina Fajín Barreiro. O pleno para o seu debate foi fixado para o próximo día 15 de xuño.

A popular María José Pose foi alcaldesa no pasado mandato, no que precisamente presentou outra moción de censura contra o socialista José Antonio Ucha, que agora é un dos dous edís do PSOE que facilita que a moción salga adiante.

Tras as eleccións municipais de maio de 2019, nas que os populares se fixeron con seis concelleiros e os socialistas con outro seis, o PSOE subscribiu un pacto con Compromiso por Galicia que contemplaba que o único concelleiro desta formación, David Barbeira, fose alcalde durante os dous primeiros anos de mandato. Segundo o acordo, pasado este período, sería José Antonio Ucha quen asumiría a Alcaldía a mediados de xuño deste ano.

Precisamente, na xornada deste martes, o Concello de Santa Comba acolleu un pleno no que José Antonio Ucha pediu ao rexedor de Compromiso por Galicia que puxese data para a sesión na que se produciría a substitución na Alcaldía, unha cuestión que o alcalde rexeitou e tras a que PP e os dous edís do PSOE rexistraron a moción de censura.

Barbeira sostivo que foron os socialistas quen, "desde o primeiro día", "romperon a relación" con el ao non acatar os acordos e bloquear o funcionamento do Consistorio.

"Aguantei dous anos por respecto aos seus votantes... Os votantes do Partido Socialista merecen máis respecto do que lles dá o seu portavoz municipal", asegurou Barbeira, que considerou que José Antonio Ucha quitouse este martes "a máscara" ao retratarse como "aliado número un do Partido Popular". "É unha falta de respecto a toda esa xente fiel que traballou polo Partido Socialista para poder dar un cambio en Santa Comba", incidiu o aínda rexedor.

Pola súa banda, o portavoz socialista xustificou o apoio ao rexistro da moción de censura no feito de que Barbeira non respectase o acordo que lle permitiu facerse co bastón de mando. "Así o manifestou no pleno", sinalou para subliñar que o aínda rexedor "non ten intención de cumprir e está a gobernar mal".

Ucha lembrou que o acordo estaba sometido á condición de rotar a Alcaldía coa chegada do ecuador do mandato en xuño dese ano. "Dado o caso que non cumpre, o noso apoio retírase e a opción menos mala era que gobernase o Partido Popular, por iso tivemos que dar este caso", afirmou.

Ucha, que asegurou que el non terá ningún tipo de cargo no goberno do PP e que pasará a formar parte da oposición, considerou que "o que non pode ser é que por sectarismos dos partidos non se poida chegar a acordos co Partido Popular". Con todo, dixo que non se sente "tránsfuga", xa que, na súa opinión, "é unha moción para saír dun goberno, non para entrar".

Tras incidir en que se trata dun "acto de lexítima defensa" e que "se a dirección provincial do PSOE ten coñecemento é pola prensa", púxose a disposición dos órganos do partido. "Se teñen que facer un expediente que o fagan, non me considero tránsfuga e estou sometido ás disciplinas do partido", dixo. Pola súa banda, polo momento, os órganos do partido aínda non se pronunciaron sobre asunto.

POSTURA DO PP

Pola súa banda, a dirección provincial do Partido Popular sostivo que os veciños de Santa Comba "falaron claro" nas eleccións de 2019, "cando o PP quedou a poucos votos da maioría absoluta". "Finalmente, un único concelleiro se fixo co goberno e non foi capaz de gañarse a confianza dos seus socios de goberno", sinala.

Así mesmo, indica que, agora, "cando incumpre o pactado entre eles e ante unha situación de ingobernabilidade e parálise", o PP "bríndase a xerar a estabilidade que non houbo nos últimos dous anos, co claro obxectivo de facer no que resta de mandato o que non se fixo ata agora".

"O PP ten a obriga de mellorar a vida dos veciños de Santa Comba e tratará de completar en dous anos o que debería facerse en catro", sinala a dirección provincial, que asegura que se o Partido Popular recupera a Alcaldía "pelexará por que non se perdan máis axudas, por que Santa Comba avance e por lograr a maioría absoluta no ano 2023".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta