O paro baixa en 5.472 persoas en maio en Galicia, un 3,2%

É unha décima menos que a media do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2021 | Actualizada ás 10:08

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 5.472 persoas en maio en Galicia en relación co mes anterior, un 3,2%, unha décima menos que a media estatal, ata situar o total en 165.306 desempregados, segundo os datos que publica este mércores o Ministerio de Traballo e Economía Social.

En comparación con maio de 2020, o paro caeu na comunidade galega nun total de 25.776 persoas, o que representa un descenso do 13,49%. No conxunto estatal, a diminución foi de 129.378 desempregados en maio (-3,3%) respecto de abril, o seu maior retroceso mensual de toda a serie histórica, que se inicia en 1996.

O paro baixa en Galicia en maio. EPDATA
O paro baixa en Galicia en maio. EPDATA | Fonte: Europa Press

AVALIACIÓN DA XUNTA

A Xunta reivindica que Galicia liderou a caída do paro no conxunto estatal na evolución anual, cunha baixada do 13,49%, o maior descenso porcentual nun mes de maio desde 1996.

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou os datos e destacou que o desemprego baixou e as afiliacións e a contratación aumentaron na evolución tanto anual como mensual.

Con respecto ao comportamento interanual, "invístese a tendencia negativa de 2020 e o desemprego baixa por segundo mes consecutivo", co que recupera o ritmo de baixada anterior ao comezo da pandemia do coronavirus, segundo sinala a Xunta.

O descenso respecto de maio do ano pasado é do 13,49%, é dicir, 11,5 puntos superior ao rexistrado no conxunto estatal. Ademais, a Xunta resalta que a comunidade volve superar o millón de afiliacións á Seguridade Social, que aumentan por segundo mes consecutivo na evolución anual. Lado sinalou que o mercado laboral galego "está a resistir" a covid ao acumular cinco meses seguidos de caída de paro na evolución mensual, entre xaneiro e maio.

Pola súa banda, asegurou que o Goberno galego "seguirá impulsando o traballo de calidade con axudas directas, áxiles e vinculadas ao tecido empresarial galego" e con programas de formación dixital, "flexible e adaptada e continuada" ao longo de toda a vida laboral dos traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta