O PSdeG insta á Xunta a protexer un BIC "abandonado": "está en perigo de derrubamento"

A Torre de Sande, situada na provincia de Ourense, estivo presente en moitos dos episodios históricos da Galicia medieval.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2021 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Os acontecementos das últimas semanas no tocante á problemática eólica en Galicia vén de poñer sobre a mesa un problema de longo percorrido: a protección patrimonial. Días atrás, Galicia Confidencial informaba dun proxecto eólico sospeitoso de fragmentación e que fora tramitado sen atender á presenza dun BIC nunha zona pensada para a instalación de aeroxeradores. Agora, a problemática estaría na Torre de Sande, no concello ourensán de Cartelle.

Torre de Sande
Torre de Sande | Fonte: Wikipedia

A protesta, neste caso, vén de ser elevada pola voceira de Cultura do Grupo Socialista do Parlamento Galego, Noa Díaz, que urxiu á Xunta a conservación patrimonial dun BIC que, segundo destaca, “está en perigo de derrubamento”. O PSdeG demanda así que a Xunta tome medidas para protexer este Ben de Interese Cultural que leva “totalmente abandonado” dende o século XIX a pesar de que xa foi protexido en 1949 polas autoridades franquistas. 

A Torre de Sande, eririxa nun outeiro agora devorado pola maleza, conta cun papel condutor en moitos dos episodios de relevancia da historia medieval de Galicia. A Torre foi doada por uns monarcas á orde monacal da área, provocando un enfrontamento entre os herdeiros dos sande e os Monxes que chegou a se saldar con sangue. A construción que hoxe resta data, probablemente, do século XIV. 

TITULARIDADE PRIVADA

A problemática para facerse cargo do ben podería pasar pola cuestión legal. “Preocúpanos que non apareza ningún documento” relativo á adquisición deste ben coa fin de acreditar a súa titularidade, alertou a socialista, quen urxiu ás administracións a iniciar os trámites de colaboración para que a Torre de Sande pase a ser de titularidade pública e se proceda a súa posta en valor. “As administracións non poden seguir escudándose na titularidade privada do ben para non actuar”, dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta