Ambulancias despois da COVID, a necesidade de cambios nun sector de primeira liña contra a pandemia

O sector das ambulancias en Galicia viña de atravesar unha folga reclamando melloras tanto en medidas laborais como sanitarias. A patronal do sector apunta a necesidade de flexibilizar os contratos coa administración.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A COVID bateu forte sobre as ambulancias tal como o fixo noutros sectores sanitarios. En datas anteriores aos primeiros casos por coronavirus en Galicia, os e as profesionais estiveran en folga reivindicando melloras retributivas e de condicións laborais. Coa chegada da pandemia o sector sentiu unha serie de carencias que foy resolvendo segundo pasaban os meses. Aínda así, tanto patronal como traballadores e traballadoras piden á Xunta unha serie de puntos considerados polas dúas partes como necesarios. Estes puntos serían a mellora de condicións laborais en canto horarios e número de persoas nun vehículo. Por outra parte, os empresarios valoran como mellorable o sistema de contratación da administración galega, por iso piden máis flexibilidade na redacción de condicións nos pregos de contratación.

Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián da residencia de anciáns de San Cibrao onde se orixinou un brote de Covid-19, en San Cibrao, Lugo.. Carlos Castro - Europa Press
Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián da residencia de anciáns de San Cibrao onde se orixinou un brote de Covid-19, en San Cibrao, Lugo.. Carlos Castro - Europa Press

AVALIACIÓN DE TRABALLADORES E EMPRESARIOS

“Todos sabemos que aconteceu coas EPI e co que enfrontabamos” sinala Roberto Rodríguez de CCOO. Rodríguez apunta que o seu sindicato vía que só había unha maneira de combater as carencias do sector ante o coronavirus. “Só podiamos colaborar conxuntamente empresas, patronal, traballadores e administracións”. Antes desa colaboración, o responsable de ambulancias de CCOO apunta aos primeiros días como unha busca de culpables.

A falta de material sanitario para evitar contaxios foi unha carencia xeneralizada na sanidade en Galicia. Isto tivo algunhas consecuencias “aquí cada quen buscou a vida, houbo unha primeira fase en bases con doazóns particulares de luvas e máscaras”, destaca Xesús Pastoriza da CIG. A doazón de EPIs (máscaras, batas, luvas ou pantallas faciais) non abondou para cubrir todo o abano de persoal. Esta situación trouxo prácticas como a “reutilización de material como as máscaras usadas por 24 horas e persoal sen batas de seguridade”.

A Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (FEGAM) estima “suficientes” os medios destinados para atender á demanda da poboación afectada pola COVID. “Soubemos dar resposta ao que se pedía mesmo en días de maior actividade”. FEGAM por outra parte, recoñece que si houbo atrasos na chegada de vehículos aos destinos “debido ás esixencias derivadas da pandemia”. Esas esixencias pasaban pola desinfección de vehículos ou colocación de EPIs por parte dos traballadores.

CAMBIOS NECESARIOS DENTRO DO SECTOR

A propia FEGAM sinala como un avance positivo que “os contratos coa Administración tivesen máis flexibilidade para introducir as modificacións necesarias en casos excepcionais como foi a COVID”. Preguntados tamén sobre o actual sistema de áreas sanitarias e o número de ambulacias en cada unha delas, a resposta da Federación é que eses puntos “dependen da administración”.

“Non creo que se dese o caso de deficiencias en ambulancias de atención urxente, pois a concesión estaba recén feita”, declara Xesús Pastoriza quen din non ter tampouco noticias de incidencias en ambulancias non urxentes. Roberto Rodríguez apunta sobre a inspección dos vehículos sanitarios: “a administración ten un traballo que facer, as empresas deberan cumprir co pactado, coa parte social e de traballo e non quede en que unha persoa inspeccione e pase por alto algunhas cousas”.

Desde a CIG cren que o número de ambulancias actualmente segue sendo o mesmo que antes da pandemia. “Aínda máis, na Coruña hai dez ambulancias menos en non urxente, se hai outro pico de contaxios todo o traballo nos caerá aos traballadores”. O representante de CCOO apunta en relación á súa categoría profesional “que se nos teña en conta como ao resto do servizo sanitario, pois persoal do SERGAS recibiu algúnas compensacións extras” non así o persoal de ambulancias.

Ademais do dito, a presión laboral sobre os traballadores fixo aumentar o absentismo laboral ao 17% segundo Rodríguez. Nestas condicións, Pastoriza lembra que “pedimos facer un estudo sobre o nivel de stress físico e psicosocial” ante elementos como a nocturnidade e cambio de quendas. “A patronal non quere facer ese estudo macroempresarial senón facelo empresa a empresa”.

Roberto Rodríguez estima moi necesario o “establecemento de criterios comúns en toda Galicia en relación con protocolos de saúde e seguridade laboral”. Este punto xa estaba recollido nas negociacións para convenios colectivos pois “en Galicia xa levabamos doce anos aplicando a obrigatoriedade de lavar o uniforme cando en Cataluña, por exemplo, se estableceu hai pouco”.

As ambulancias e o seu persoal son primeira liña contra a COVID. Da súa acción depende en boa medida como conducir unha situación semellante á pandemia. Non obstante, segundo representantes dos traballadores é necesario observar as medidas de seguridade, as condicións laborais en que desenvolven as súas tarefas e o incremento de persoal. Os empresarios reclaman uns cambios que deberán pasar por unha reforma na lexislación, en caso de que a administración galega acepte as súas demandas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 o obscuro

tedes que anovar un pouco as bibliotecas de fotos que tedes... as ambulancias do 061 xa non utilizan os cores branco e azul ou azul ou branco segun asistenciales ou medicalizadas na Galiza vai moitos anos atras... gustariame meter isto no meu face do obscuro... pero por favor poñede outras fotos senon a xente vai pensar que non é certo!!! un saudo e abaixo o quen xa sabedes.