Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 10:15
Tres mozos de 18, 19 e 24 anos de idade faleceron nun accidente de tráfico rexistrado na noite deste mércores ao chocar o turismo no que circulaban e un camión no municipio de Caldas de Reis (Pontevedra).
Segundo os datos facilitados pola Garda Civil a Europa Press, este sinistro tivo lugar sobre as 23,20 horas deste mércores no quilómetro 222 da estrada N-640 ao seu paso por Caldas. Tratouse dunha colisión frontolateral dun camión frigorífico cun turismo no que viaxaban o tres mozos falecidos, indicaron as mesmas fontes.
As vítimas son o condutor do turismo, un home de 19 anos veciño de Moraña; a copiloto, unha moza de 18 anos de Vilagarcía de Arousa; e outro home de 24 anos veciño de Caldas de Reis, que ía na parte de atrás do vehículo.
Pola súa banda, o condutor do camión saíu ferido leve e o seu acompañante, unha muller que saíu despedida do vehículo, resultou ferida grave, aseguraron as mesmas fontes.
Ao condutor do camión practicáronselle as probas de alcoholemia e drogas nas que arroxou resultado negativo. A Garda Civil investiga as causas deste sinistro mortal. Ademais da Garda Civil de Tráfico, foron mobilizados os servizos sanitarios e os Bombeiros do Salnés, que excarceraron ao tres vítimas do interior do vehículo; así como a Policía Local e Protección Civil.
SALTOU UN STOP
O mozo condutor carecía de carné de conducir e a investigación apunta a que posiblemente se saltou un stop antes de chocar cun camión. Así o informaron a Europa Press fontes próximas á investigación, que confirmaron que o veciño de 19 anos de Moraña que conducía o turismo carecía de permiso de condución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.