O acusado de roubar nun supermercado e nunha ortopedia declara que só quería comida

As vítimas, ás que ameazou cun cúter, aseguran que buscaba diñeiro.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 03/06/2021 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O home acusado de dous roubos con intimidación en dous establecementos da Coruña alegou durante o xuízo celebrado este xoves na Audiencia coruñesa que só buscaba subtraer algo para comer, pero as vítimas concordan en que o home quería diñeiro.

Segundo recolle o escrito do Ministerio Fiscal, os feitos ocorreron a tarde do 15 de xaneiro de 2021. Ese día, o procesado entrou nun supermercado armado cun cúter e, tras ameazar a varios empregados, puxo a arma no pescozo dunha das traballadoras. Poucos minutos despois, tras marcharse do supermercado sen ningún botín, ameazou co cúter a dúas empregadas dunha ortopedia, tentou facerse co contido da caixa rexistradora, pero finalmente só puido roubar un paquete de tabaco.

A Fiscalía pide para o acusado, que é multirreicidente, 12 anos de prisión por dous delitos de roubo con intimidación e uso de arma en establecementos abertos ao público. Na súa declaración, o acusado declarouse inocente en primeira instancia e alegou que buscaba subtraer algo para comer, pero non terminou o seu testemuño ao empezar a divagar sen responder as preguntas da Fiscalía.

Mentres declaraban outras testemuñas, o acusado levantouse en varias ocasións e interrompeu o xuízo, ademais de pedir á xuíza volver a prisión, o que ocasionou que a maxistrada tivese que ordenar que fose esposado e advertirlle de que se continuaba con esa actitude o mandaría aos calabozos.

A traballadora do supermercado relatou que o home entrou no establecemento e que empezou a tirar os obxectos dun dos andeis. Tras pedirlle diñeiro, empuxouna contra a cristaleira e segundo explica, púxolle un cúter no pescozo. Poucos minutos despois, dous axentes detiñan ao acusado na Avenida de Finisterre. Un dos axentes confirmou que no momento da detención, unha muller achegouse para dicirlles que fora atracada polo home nunha ortopedia próxima.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta