Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2021 | Actualizada ás 14:00
Á fin do mes de maio os datos do paro publicados polo Ministerio de Traballo e Economía Social semellan conceder un balón de osíxeno á economía galega. A comunidade rexistrou un descenso do 3’20% no tocante ao desemprego rexistrado no SEPE, unha cifra lixeiramente menor á rexistrada no conxunto do Estado --3’31%-- pero que, en ton xeral, auguraba un cambio positivo.
Porén, tamén cabe a posibilidade de que esta melloría sexa pouco máis que un espellismo. Tal sería a conclusión que tira o sindicato CIG, que apunta a que a aparente recuperación que reflicten os datos do paro non deriva nunha mellora económica. Segundo a formación sindical, a melloría circunscríbese ao sector servizos, mentres que a industria segue en caída libre e camiño dunha situación cada vez máis “crítica”.
Unha das principais problemáticas que os expertos apuntan á economía estatal --e en concreto á galega-- é a súa excesiva dependencia do sector servizos. Esta cuestión, de xeral, non tería por que ser negativa; xa que o sector secundario é onde se concentran algúns dos traballos mellor remunerados e máis produtivos. O problema é que os servizos que proliferan en Galicia e o resto de CCAA son considerados de baixo valor engadido; ou, en palabras da CIG, “precarios”.
Por iso sería un problema que, de acordo coa formación sindical, fora o sector Servizos “o que tirou da contratación” nesta última serie do SEPE. Así é que, unha vez máis segundo a versión da CIG, a contratación deste sector --cada vez máis centrado no turismo e a hostalaría-- se caracterice por ser “precaria e temporal”.
90% CONTRATOS TEMPORAIS
O dato, por riba, sería semellante ao doutros anos para o mesmo período; é dicir, que non se trataría dunha recuperación real senón dun movemento máis ben estacional, típico desta época do ano. "É habitual que o mes de maio sexa o primeiro onde se rexistra unha caída importante do desemprego ligado ao aumento da contratación no sector servizos e este ano non foi unha excepción”, apuntan dende o sindicato antes de asegurar que “das 5.472 persoas nas que descendeu o desemprego, o 74% foi precisamente nese sector”.
O mesmo apuntan dende CC.OO. "Malia que os datos de emprego son bos en termos cuantitativos, non o son do punto de vista cualitativo", lamenta Maica Bouza, secretaria de emrpego de comisións. Segundo cifras do sindicato, o 90% destes contratos creados nas últimas semanas serían temporais; cifra que alcanzan tras aumentar un 3'4, mentres que os indefinidos sofren un auténtico esborrallamento: caen nun 14'4%
A XUNTA "LIMÍTASE A AGARDAR" POLO TURISMO
Á parte, está o factor dos ERTE, importante ao ter en conta que máis de 20.000 traballadores galegos seguen baixo a salvagarda deste rede pública que lles impide caer no desemprego; tal e como recordan dende Comisións. O sindicato incide, neste aspecto, na "necesidade" de facer caer a reforma laboral, unha cuestión que tamén fora subliñada días atrás por UGT Galicia.
Estas cifras levan a conclusións paralelas da man da CIG: "Confírmase a cada vez maior dependencia da economía galega dun sector como o de Servizos, e dentro deste, da hostalería, onde o emprego é temporal e as condicións laborais precarias”, lamenta o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, para quen “esta non pode ser a base da economía de Galiza”.
Fronte a esta problemática, a CIG denuncia a “ausencia” dunha política económica que poña fin ao esborrallamento dos sectores produtivos galegos e apunta á Xunta por “limitarse a agardar” a chegada do turismo. “Necesitamos un plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego, dereitos e servizos públicos que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra”, afirma Cartelle.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.