A Xunta di que "non é o momento de falar de proxectos" de eólica mariña, senón dos seus "condicionantes"

O Goberno galego recrimina ao central que "insista en avalar proxectos fóra das áreas de desenvolvemento previstas" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/06/2021 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, advertiu de que "non é o momento de falar de proxectos" de eólica mariña, senón dos seus "condicionantes" para establecer "as bases" do seu futuro desenvolvemento. Así o dixo en Friol (Lugo), despois de que Iberdrola pedise ao Ministerio de Transición Ecolóxica o alcance ambiental de dous parques fronte á costa galega.

Eólicos mariños
Eólicos mariños | Fonte: Ecovive.

"Estamos nun contexto de desenvolvemento da eólica mariña que a Xunta entende que temos que situarnos, pero nestes momentos estamos a falar de sentar as bases do futuro do sector, non estamos a falar en ningún caso de proxectos concretos", destacou Conde.

Respecto diso, apuntou a un observatorio que constituirá a Xunta e a "unha fase de diálogo de consenso" co ánimo de "identificar cales son os condicionantes que ten que ter o desenvolvemento do sector en Galicia".

Deste xeito, avogou por "traballar coa industria e o sector pesqueiro", posto que no impulso da eólica mariña inflúen tanto as garantías "desde o punto de vista ambiental" como no relativo a "a compatibilidade" coa actividade pesqueira.

Nesta liña, apostou por sentar as bases do sector "en colaboración co Ministerio" e avisou de que "aínda non se desenvolveu o plan sectorial que vai identificar en que áreas se pode desenvolver a eólica mariña". "Por tanto non é o momento de falar de proxectos, senón dos condicionantes que tanto o ministerio como os sectores, en concreto, o pesqueiro, entendemos que hai que introducir", incidiu.

A partir de aí, agregou, poderanse "lanzar proxectos concretos", pero agora "non se está nese momento", e a Xunta defende un desenvolvemento "ordenado" da eólica mariña.

REUNIÓN CO GOBERNO CENTRAL

Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente afirmou que a Xunta "lamenta que o Goberno central continúe insistindo en que se avalíen proxectos de parques eólicos que, pola súa localización, están fóra das áreas de desenvolvemento destes elementos previstas na comunidade galega".

"A regra xeral para instalar un parque eólico en Galicia é a de que se sitúe nunha área de desenvolvemento eólico contemplada no plan sectorial e, con base nisto, nos últimos meses, o Goberno xa informou desfavorablemente un total de 35 proxectos estatais que non cumpren a condición", subliña.

Fronte a isto, a Consellería reproba que "representantes da Administración central seguen trasladando á Xunta diferentes cuestións coa pretensión de que se aceleren os informes que foron solicitando para poder axilizar os proxectos destas zonas, e de competencia estatal, que queren instalarse na comunidade".

O director xeral de Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Ismael Aznar, e outros representantes do Goberno central trataron este asunto nunha reunión telemática esta semana con membros de Medio Ambiente e da Vicepresidencia segunda da Xunta.

Segundo Medio Ambiente, os integrantes do Executivo galego sinalaron que "o aumento exponencial de peticións para a instalación de eólicos é unha consecuencia directa das modificacións introducidas polo Goberno central na lexislación básica estatal, que esixen que os proxectos eólicos cumpran uns prazos administrativos moi axustados". "É algo que impacta día a día no volume de traballo", subliña.

A Xunta considera precisa unha información ambiental "clara e que non sexa equívoca para os promotores". E, segundo critica, o mapa de sensibilidade ambiental publicado polo Ministerio "fornece datos parciais e que poden levar a erro".

Como exemplo, cita a zona de sensibilidade máxima, na que está incluída a Rede Natura, onde "se informa aos promotores que os eólicos non están recomendados, cando realmente os proxectos dispostos nestas áreas en Galicia están prohibidos".

Por último, o Goberno galego incide en que a liña mantida pola Xunta é "facer compatible o desenvolvemento eólico coa protección do patrimonio natural", e por iso, di, "vaise a reforzar a información ambiental que xa inclúe o plan básico autonómico, co fin de engadir referencias sobre zonas incompatibles con estes elementos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta