Gonzalo Caballero pide máis implicación da Xunta coa Costa da Morte e Bergantiños e o seu desenvolvemento

O secretario xeral do PSdeG apelou á Xunta a impulsar a homologación desta ruta turística, porque "é fundamental para o desenvolvemento económico e para xerar emprego e riqueza na zona".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballro, chamou á Xunta a "aliarse" coa Costa da Morte e Bergantiños e homologar o Camiño dos Faros, "fundamental para o desenvolvemento, o emprego e o turismo na zona".

O xefe de filas dos socialistas galegos mantivo este xoves unha reunión de traballo con alcaldes e portavoces socialistas de distintos municipios da comarca para reivindicar a importancia desta ruta.

Por iso, desde o Castelo de Vimianzo, apelou á Xunta a "aliarse" con estas comarcas impulsando a homologación desta ruta turística, porque "é fundamental para o desenvolvemento económico e para xerar emprego e riqueza na zona".

"A Costa da Morte ten moitas posibilidades para o turismo e, neste marco, o Camiño dos Faros é fundamental para o desenvolvemento económico e para xerar emprego e riqueza", reivindicou o líder dos socialistas galegos en compañía da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a de Camariñas, Sandra Ínsua; a de Cee, Margarita Lamela; e o alcalde de Fisterra, José Marcote; entre outros representantes socialistas na zona.

Ao fío diso, Gonzalo Caballero puxo en valor esta ruta de sendeirismo de máis de 200 quilómetros que percorre "tantos concellos" da Costa da Morte e Bergantiños. "É un modo de pór en valor nosa fermosa natureza, a nosa cultura e a nosa tradición histórica", resaltou.

Gonzalo Caballero asegurou que "é hora" de que a Xunta estea coas alcaldesas e os alcaldes da Costa da Morte para impulsar o Camiño dos Faros e avanzou que a súa formación seguirá levando ao Parlamento de Galicia iniciativas para pór en valor esta ruta e para conseguir que o Goberno galego faga unha formulación de aposta e potenciación que o converta en "referencia do turismo galego de calidade para todo o mundo".

Nesta liña, enxalzou o turismo na zona, onde hai moitas cousas que visitar e coas que gozar por tradición, por cultura, por paisaxe e por mar. Neste marco, destacou a importancia do castelo de Vimianzo, un "enclave de visita obrigada".

AS REXEDORAS DA ZONA PIDEN UNHA SOLUCIÓN

A rexedora do municipio, Mónica Rodríguez, agradeceu a visita de Gonzalo Caballero e sumouse á petición do dirixente socialista para conseguir que "dunha vez a Xunta poña todas as facilidades para que a homologación do Camiño dos Faros sexa unha realidade".

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, reivindicou o Camiño dos Faros como "vital" e "primordial" para os municipios da zona, xa que "case o 80% das persoas" que visitaron o seu municipio no mes de maio foi para percorrer esta ruta. "Témonos que sentar coa Xunta e buscar unha saída", destacou.

Na mesma liña, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, destacou a "importancia" da ruta "para o impulso económico" da contorna, polo que é necesario buscar, entre todos, unha solución xurídica que permita homologar este camiño. Así, agradeceu ao líder do PSdeG a presentación de iniciativas no Parlamento na "loita" para conseguir a homologación.

Por último, o rexedor de Fisterra, José Marcote, pediu "unha solución" que dea "seguridade xurídica" a esta ruta. "Hai que saber conxugar o trazado ideal, que é o que temos agora, cunha posible homologación cando hai un pequeno conflito que hai que resolver", sinalou.

Cargos socialistas da Costa da Morte xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no Castelo de Vimianzo. PSDEG
Cargos socialistas da Costa da Morte xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no Castelo de Vimianzo. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta