O alcalde de Santiago sobre as reservas hoteleiras: "Estamos nun proceso de recuperación"

As cifras indican que as reservas van subindo segundo avanza o ano: os datos de setembro e outubro son maiores que os de agosto e xullo, que á súa vez son maiores que os de xuño", indicou Bugallo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2021 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, valorou "positivamente" os datos das reservas turísticas previstas para os próximos meses na capital galega, respecto do que asegurou que Compostela está "nun proceso de recuperación que vai continuar".

Na rolda de prensa ofrecida este venres, o rexedor municipal explicou que empezan a chegar datos "favorables" que incitan a un optimismo "razoable, que non desbordado". "As cifras indican que as reservas van subindo segundo avanza o ano: os datos de setembro e outubro son maiores que os de agosto e xullo, que á súa vez son maiores que os de xuño", indicou Bugallo.

Respecto da reactivación do turismo, o alcalde agradeceu o "apoio" ofrecido pola Casa Real coa súa visita á capital galega este xoves para a inauguración do I Congreso Mundial Xacobeo, así como a presenza de Felipe V o próximo 25 de xullo --Día de Galicia-- en Santiago de Compostela para a Ofrenda ao Apóstolo.

Doutra banda, Sánchez Bugallo valorou a campaña de dinamización do comercio 'Prima21', que comezou este xoves e sobre a que se mostrou "moi satisfeito". "Ata vivín con certa alegría os pequenos problemas de tráfico que se rexistraron, xa que explican o volume de xente que acudiu", comentou o rexedor santiagués.

Bugallo destacou que esta campaña, que se prolongará durante o fin de semana, é "moi importante" para a zona vella, pero "sobre todo para o Ensanche", polo que o Concello tentará programar novas actividades o próximo fin de semana, "co obxectivo de darlle continuidade".

AXUDAS AO COMERCIO E HOSTALARÍA

O alcalde de Santiago tamén abordou a última convocatoria de axudas ao comercio, onde recibiron 524 solicitudes. Aínda que Bugallo expresou o seu desexo de "atender todas as demandas", a ampliación dos límites de financiamento --agora entre os 2.500 euros e os 5.500 euros-- respecto da convocatoria anterior do mes de decembro, de entre 1.000 e 3.000 euros, "limitan os recursos dispoñibles".

O mesmo ocorre, segundo sinalou, na convocatoria de subvencións a hostalaría e turismo, onde recibiron 601 solicitudes e onde o límite de financiamento atópase nos 4.000 euros, cando na anterior era de 2.500 euros. Neste sentido, Bugallo recoñeceu estar "sorprendido" ante as "poucas" solicitudes presentadas á convocatoria lanzada pola Deputación da Coruña --en comparación á municipal--.

"Sorpréndeme que só se presentaron 474, das que se resolveron favorablemente 427, sendo un proceso sinxelo, pero o prazo aínda está aberto, polo que espero que se presente máis xente", destacou o rexedor.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. CAPTURA / CONCELLO DE SANTIAGO / Europa Press
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. CAPTURA / CONCELLO DE SANTIAGO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta