Así están as listas de espera no SERGAS tras a baixada de incidencia da COVID

As listas de espera do SERGAS para primeira atención, diagnose e cirurxías incrementáronse de maneira exponencial por culpa da pandemia. Cos hospitais saturados, as intervencións menos urxentes quedaron aparcadas, moitas citas de diagnose (algunhas moi necesarias) tamén foron aprazadas e a Atención Primaria a día de hoxe aínda segue coa atención telefónica. Existe intención por parte da Xunta de que unha cousa así non se repita?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 05/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A situación da atención sanitaria en Galicia pode medirse, segundo fontes profesionais, no número de persoas que son atendidas por outras doenzas que non sexan COVID, isto é, aquelas atencións, intervencións cirurxicas e diagnoses paradas cando a situación pola pandemia rebordou todo o sistema sanitario público galego. Nun principio, as listas de espera quedaran paralizadas no referente aos casos menos graves e ás intervencións non urxentes. No caso das diagnoses mediante TAC ou resonancias estas aumentaron de tal maneira que sería probable ver un aumento de doentes que non tiveran feita a correspondente resonancia como poden ser os cancros de mama. Isto pode resultar especulativo, mais profesionais da medicina entenden que ante un atranco semellante, non se pode actuar co mesmo número de profesionais que había antes e durante o máis duro da pandemia. Por iso reclaman a retirada da atención telefónica xa, o aumento das contratacións e a eliminación da taxa de reposición en Sanidade.

Cirurxía no CHUAC.
Cirurxía no CHUAC.

HAI NÚMEROS?

Cantas persoas están agora mesmo esperando para unha intervención, para unha diagnose ou para Atención Primaria? “Non hai información” di Javier González de CCOO Sanidade que engade ademais: “antes do verán envían unha lista de peche de camas mais aínda non coñecemos o total de camas pechadas”. Desde o CHUAC, Lucía Peón da CIG sinala que no hospital coruñés o peche afectará a “95 camas”. Mais sobre as persoas que esperan atención xeral ou especializada os datos parecen non existir. As últimas que figuran na web do SERGAS son de 2020.

“Ti ten en conta que no caso de facer un TAC a espera media era de 55 días, hoxe pasamos a 91 días, case dobra o tempo de espera” di Manuel Martín da Asociación Galega pola Defensa da Saúde Pública (AGDSP). A suma faise interminable cando “aínda debes pasar a consulta en Atención Primaria, logo o especialista para diagnosticarte e logo, se é necesario, a operación. Con isto, o número de persoas que, por exemplo, precisan dunha resonancia ou unha diagnose en profundidade aumentou case un 40% segundo AGDSP. A media de aumento de espera segundo especialidades está en 10 días.

Javier Martínez de UGT, é contundente: “a sanidade non é o que había antes”. Ante a prolongación temporal para ser atendidas, moitas persoas “tiran por Urxencias, cando non é o campo que debera atendelas, senón Atención Primaria para a maioría dos casos”. Entón, os profesionais seguen atendendo persoas en áreas COVID? “Estase operando o urxente, mais os recursos (humanos e materiais) son os mesmos, por tanto limitados ante o número de intervencións” di Lucía Peón.

AS CONSECUENCIAS

“Reservar espazos para doentes COVID era o prioritario, mais había servizos que non tiñan por que ter parado” di Manuel Martín. A paralización de servizos que, segundo os profesionais, non era necesario ter parado, incrementou o número de persoas esperando ante a incerteza das súas doenzas. “Non hai unha auditoría real de como están algúns doentes” de enfermidades graves que poden agudizarse de non seren atendidas debidamente.

O número de cancros non detectados a tempo aumentou, tamén había persoas que non acudían aos centros de saúde e tamén desde os mesmos centros animaban a non ir ante a situación sanitaria” di Javier González. Desta maneira a acumulación de casos e atencións fixo que se recorrese ao sistema que González chama “peonadas” para cubrir vacantes. “Unha enfermeira ía ao IFEVI para vacinar xente, por exemplo, había que cubrir ese posto, viña unha enfermeira para substituír á primeira, mais logo a nova tiña que ir tamén ao IFEVI inocular vacinas”.

“Temos medo, no caso da Atención Primaria, que non se resolva o da atención personalizada e acabe sendo unha máquina o que atenda a unha persoa enferma” di Javier Martínez. A solución pasa por contratar máis xente? “É necesario contratar máis persoal e sobre todo eliminar as taxas de reposición que nin os gobernos do PP nin do PSOE eliminaron”.

“Temos un 30% de atención presencial na Atención Primaria e un 70% de atención telefónica e a demora nunha consulta non debe pasar das 48 horas” lembra Manuel Martín. A solución posta pola Xunta foi incentivar economicamente aos médicos de Atención Primaria para ir rebaixando as esperas. E isto último, xunto co aumento de cadro de persoal, acabará sendo posible? “A administración é moi retardataria, non existe un plan para, por exemplo, facer que os hospitais traballen as 24 horas, por iso hai moitos servizos que van lentos”.

Segundo CCOO a administración galega podería estar aberta a reforzar os cadros de persoal. Por outra parte, tanto AGDSP ou CIG consideran que, ou ben por lentitude ou ben por falta de interese, a Xunta non realizará os movementos necesarios para rebaixar listas de espera e, aínda máis, evitar a morte de doentes. No que si coinciden todos é que para a diminución das listas de espera hai dúas claves: contratación e estabilidade laboral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta