Os grupos negociarán o vindeiro venres as conclusións da comisión parlamentaria de reactivación

BNG e PSdeG criticaron en diversas ocasións a "paralización" da comisión por parte do Partido Popular.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2021 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

Os grupos do PPdeG, BNG e PSdeG empezarán a negociar o venres da próxima semana, día 11 de xuño, as conclusións do relatorio da comisión de reactivación económica, social e cultural do Parlamento de Galicia.

Este órgano botou a andar en outubro de 2020 co obxectivo de abordar a reconstrución da Comunidade galega tras a pandemia. Nun primeiro momento, os partidos pactaron un total de 46 comparecencias, entre elas, a do vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde; o presidente da Fegamp, Alberto Varela; e da FEMP, Abel Caballero, e representantes de entidades culturais e sociais, así como dos sindicatos.

Tamén acordaron solicitar un total de 149 informes para esta comisión a numerosas entidades para abordar cuestións que ían desde a vivenda, a datos de índole sanitario, pasando por cuestións demográficas e un novo modelo de residencias.

Con todo, aínda que o obxectivo era finalizar os traballos a principios deste ano 2021, este órgano parlamentario aínda non concluíu os seus labores. Precisamente, tanto BNG como PSdeG criticaron en diversas ocasións a "paralización" por parte do Partido Popular, formación que sinalou que aínda non chegaran todos os informes solicitados.

Ademais, terminada a etapa de comparecencias, a comisión volveuse reunir o pasado 21 de abril de novo para acoller unha terceira comparecencia do vicepresidente económico Francisco Conde, que entregou aos grupos un inventario das 247 iniciativas públicas que aspiran a fondos europeos Next Generation. No documento non se atopaba información dos proxectos privados por "confidencialidade".

Os grupos proponse que a comisión de reactivación económica, social e cultural capte fondos europeos e negocian xa un plan de traballo para ter conclusións antes de finais de 2020 ou como moito, principios de 2021
Os grupos proponse que a comisión de reactivación económica, social e cultural capte fondos europeos e negocian xa un plan de traballo para ter conclusións antes de finais de 2020 ou como moito, principios de 2021 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta