Os casos activos de covid descenden a 358 nos centros educativos galegos

A área de Santiago é a única en toda a comunidade na que aumentan os casos, un máis que na xornada anterior.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2021 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

Os casos activos de covid-19 nos centros educativos de Galicia manteñen a tendencia descendente e redúcense a 358 --31 menos que os rexistrados na xornada anterior--, mentres que seis aulas seguen pechadas e non hai centros clausurados.

Así se desprende dos datos actualizados este sábado polas consellerías de Educación e Sanidade, recollidos por Europa Press, nos que se detalla que, por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas as zonas menos na de Santiago, onde soben nun --ao producirse máis novos diagnósticos que altas nas últimas 24 horas-- e alcanza así as 52 infeccións activas.

Na área de Vigo, os contaxiados descenden en 12 casos; na de Lugo, en nove; na da Coruña, en catro; na de Pontevedra, baixan en tres casos; e as áreas de Ferrol e Ourense contan con dous contaxiados menos cada unha.

Vigo segue na cabeza en canto a infeccións activas, con 131. O número de aulas pechadas descende, con catro clases inoperativas --dúas menos que este xoves--. O IES de Mos é o centro máis afectado de toda Galicia con 21 contaxios --un menos que na xornada anterior--.

O CEIP Seis do Nadal de Vigo rexistra sete casos e a escola infantil Dalila Reibón de Moaña, con cinco casos activos, concentra tres das catro aulas pechadas nesta área.

A área sanitaria de Santiago é a segunda con máis infeccións activas, 52 --unha máis que este xoves-- e conta cunha clase inoperativa --una menos--. O CEIP Plurilingue Galaxia de Ribeira é o que máis casos rexistra, con cinco, e a escola infantil municipal Os Tilos de Teo conta coa única aula clausurada da zona.

Séguelle a de Pontevedra, con 51 casos activos --tres menos-- e unha clase pechada --sen cambios-- no CEIP Manuel Padín Truitero de Soutomaior, que acumula sete positivos.

En canto á da Coruña, descenden a 43 as infeccións activas de covid-19, catro menos, e xa non hai ningunha aula pechada. O CPR Plurilingüe Fillas de Jesús destaca nesta área con nove positivos --sen cambios--.

Pola súa banda, a de Lugo colócase con 39 casos activos --nove menos-- e segue sen aulas pechadas. O CEIP de Celeiro mantense como o centro con máis casos, catro --catro menos que nos datos do venres--.

MENOR INCIDENCIA EN FERROL E OURENSE

Con menos casos continúan as áreas de Ourense e Ferrol. A primeira reduce a 24 os positivos --dous menos-- distribuídos nunha vintena de centros e mantense sen clases inoperativas.

Finalmente, a área ferrolá baixa aos 18 positivos --dous menos-- distribuídos en 15 centros e permanece sen unidades pechadas. O CPI As Mirandas de Ares aglutina o maior número de contagios, con tres --sen cambios--.

Aula dun Colexio de Educación Infantil e Primaria
Aula dun Colexio de Educación Infantil e Primaria | Fonte: María José López - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta