Piden a dimisión do alcalde de Ribadumia por organizar unha festa na súa casa incumplindo as normas covid

A Garda Civil tivo que desaloxar a festa na que había exceso de aforo e se superaron as limitacións horarias. Somos Ribadumia acusa ao entorno do rexedor de ameazas e acoso ao seu voceiro.

Por Galicia Confidencial | Ribadumia | 06/06/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"O vivido na noite deste pasado venres para o sábado na rúa mimosas de Barrantes é dunha gravidade absoluta". Así define o voceiro de Somos Ribadumia, Enrique Oubiña, o acontecido no domicilio particular do rexedor deste concello, David Castro, de Independentes por Ribadumia (IR); unha festa que rematou sendo desaloxada pola Garda Civil e onde non se cumprían as normas covid.

David Castro, alcalde de Ribadumia
David Castro, alcalde de Ribadumia | Fonte: Cope

As respectivas vivendas de David Castro e Enrique Oubiña están unha case en fronte da outra, polo que o propio Enrique Oubiña foi testemuña de todo o acontecido, "por estar como a maioría da veciñanza desa rúa esperta por mor do ruído da festa privada que o alcalde organizou nun alpendre aledaño á casa na que vive", apuntan desde Somos Ribadumia.

"Dende primeira hora da noite xa había rebumbio no alpendre en cuestión, con bastante xente chegando, pero a verdade é que saín a cear e ata preto da unha da madrugada non volvín. Porén, en canto aparquei o coche en fronte ao edificio onde vivo, ao baixar sorprendeume a algarabía que había montada, con varias nenas e nenos correndo pola horta da vivenda de David Castro, e cun grupo numeroso de xente cantando no alpendre a  pleno pulmón", apunta Oubiña.

Coas normas sanitarias actuais, as reunións de non convivintes están limitadas a un máximo de seis persoas en recintos pechados e dez en recintos abertos. Pero, na casa o rexedor había máis de dez persoas, entres as que había varias persoas do equipo de goberno e da dirección e entorno de IR.

AMEAZAS E INSULTOS

Sobre a unha da madrugada apareceu a Garda Civil. Esta dirixiuse directamente á vivenda, e logo de chamar e intercambiar unhas verbas cunha das persoas do interior, accederon a propiedade. "Alí conversaron con toda aquela xente, e logo saíron e fóronse. Ao momento as persoas que estaban alí comezaron a recoller e marchar", sinala Oubiña. Pouco despois, varias persoas, entre as que identifica a irmáns de concelleiras de IR, e outras persoas que teñen negocios co concello, o insultaron e ameazaron con "darlle unhas ostias".

Durante o Sábado o voceiro de Somos Ribadumia decidiu presentar denuncia ante a Guardia Civil polo acoso recibido. "IR que non conte con Somos Ribadumia para participar nesta maneira de facer política, enfrontando a uns veciños con outros, nin moito menos imos aceptar a deriva á que David Castro pretende levarnos. E facemos un chamamento ao  resto da oposición para que tome nota e poidamos analizar en conxunto a, situación do noso concello, porque se non tomamos medidas acabaremos por ter un desgusto", apunta Oubiña.

Tras o acontecido, Somos Ribadumia pide a dimisión de todas as concelleiras e concelleiros que participaron nesa festa, incluído o alcalde, ao que piden que convoque de urxencia un pleno para dar todas as explicacións pertinentes. Independentes de Ribadumia goberna co apoio do PP e do PSdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Qué escándalo! Nenos e nenas a correr pola horta ás doce e pico! Xente a cantar nun pallote! Onde está García-Castellón?