Temas: DOG FP EDUCACIóN

Tres ciclos de nova implantación para a FP en Galicia cun incremento de máis de 1.000 prazas

Entre os ciclos de nova implantación, o de 'grao básico en Acceso e conservación en instalacións deportivas' será este curso de oferta exclusiva no novo CIFP Universidade Laboral de Culleredo, para reforzar a especialización deste centro na familia profesional de 'Actividades Físicas e Deportivas'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2021 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

Galicia contará o próximo curso cos tres ciclos formativos de nova implantación e unha oferta de Formación Profesional que se verá incrementada en algo máis dun milleiro de prazas.

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a oferta de FP en réxime ordinario e modular para adultos, tanto presencial como a distancia, que incluirá unhas 29.950 prazas de primeiro curso en centros públicos en 1.163 ciclos e programas formativos autorizados.

A maioría, unhas 21.912 prazas, serán de réxime ordinario, en concreto 8.402 de grao medio, 9.370 de grao superior, 3.600 de FP básica e 540 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa. Outras 4.388 prazas serán do réxime modular para persoal adultas (2.156 de grao medio e 2.232 de superior) e 3.650 para réxime modular a distancia (1.150 en grao medio e 2.500 en superior).

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria atribuíu este incremento á creación de tres centros integrados de Formación Profesional (os CIFP Universidade Laboral de Culleredo, Leixa en Ferrol e Fraga do Eume en Pontedeume) e ao reforzo nas prazas a distancia para facilitar a mellora da cualificación profesional dos traballadores.

En concreto, o tres novos CIFP concentrarán un incremento de sete novos ciclos formativos e de 262 prazas, mentres que a FP a distancia rexistrará un aumento de 12 ciclos e de 600 prazas. Aínda falta por concretar a oferta e as cifras relativas á modalidade Dual e aos novos másteres de FP, que Educación publicará "nas próximas semanas".

NOVOS CICLOS

Entre os ciclos de nova implantación, o de 'grao básico en Acceso e conservación en instalacións deportivas' será este curso de oferta exclusiva no novo CIFP Universidade Laboral de Culleredo, para reforzar a especialización deste centro na familia profesional de 'Actividades Físicas e Deportivas'.

As persoas que obteñan este título poderán traballar como acompañantes de usuarios, auxiliares de control, servizos xerais ou mantemento en instalacións deportivas, entre outros labores.

O grao medio de 'Guía no medio natural e de tempo libre' poderá cursarse nos institutos de Porto do Son, de Sabón (Arteixo), de Poio, Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda), Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar) e no CIFP Universidade Laboral de Culleredo.

En concreto, permitirá traballar deseñando itinerarios ecuestres e de bicicleta, organizando actividades físico-deportivas recreativas guiadas no medio natural ou como encargadas de prevención e seguridade en rutas e eventos en bicicleta e ecuestres.

Así mesmo, os beneficiarios poderán exercer como guías en actividades de sendeirismo, barranquismo e espeleoloxía de baixa dificultade, cicloturismo, bicicleta de montaña, itinerarios dacabalo ou en embarcacións de recreo; así como monitor de campamentos, instalacións de lecer e aventura e de actividades escolares e socorrista.

Finalmente, o ciclo de grao superior en 'Organización e control de obras de construción' será de oferta exclusiva no CIFP Someso, no réxime modular para adultos a distancia. Deste xeito, contribúese a reforzar a especialización deste centro na familia profesional de 'Edificación e Obra Civil', da que imparte case a totalidade dos ciclos implantados en Galicia.

O alumnado que obteña este título poderán traballar como encargado e xefe de equipo en obras estruturais da construción, de obra de edificación en xeral ou de obras de rehabilitación e reforma en edificación, ou como xefes ou encargados de traballadores de acabado de edificios.

Así mesmo, poderán exercer como capataces na construción de edificios, encargados de obra civil, movemento de terras, de firmes e pavimentos ou de conducións e canalizacións; como especialistas en replanteos, técnicos de control documental ou axudantes de xefe de Oficina Técnica, de planificadores ou de técnicos de control de custos.

CAMBIOS NA OFERTA

No balance do réxime común, a oferta de FP Básica gaña cinco ciclos e 90 prazas e a de grao superior gaña nove ciclos e 262 prazas. Pola contra, en grao medio diminúe en tres o número de ciclos e en 84 o número de prazas, polos axustes derivados da demanda do alumnado. No caso do réxime modular para adultos, en grao medio a oferta gaña dous ciclos e 72 prazas e en grao superior 18 ciclos e 712 prazas.

O prazo de presentación de solicitudes nos réximes común e para as persoas adultas -presencial e a distancia- comezará o 25 de xuño e prolongarase ata o 5 de xullo. En canto á FP Dual, a presentación de solicitudes será entre o 25 de xuño e o 2 de xullo. No caso dos másteres de FP, o prazo de presentación de solicitudes irá de 25 de xuño e o 5 de xullo de xullo.

Alumnos dun centro de FP. IREKIA - ARQUIVO
Alumnos dun centro de FP. IREKIA - ARQUIVO | Fonte: Europa Press

Temas: DOG FP EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta