Galicia non considera "unha mala noticia" a suspensión das medidas en Madrid pero segue a súa folla de ruta

O Goberno autonómico opta por recorrer ao TC e esperará ao mércores para ver se o Goberno Central está disposto a rectificar.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2021 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, saudou que a Audiencia Nacional aceptase o recurso da Comunidade de Madrid contra as medidas do Goberno central para a 'nova normalidade', publicadas o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE).

"Non é unha mala noticia", subliñou a preguntas dos medios na rolda de prensa posterior á reunión cos sectores de hostalaría e do lecer nocturno na sede da Xunta.

O Goberno autonómico, que ordenou á asesoría xurídica que estudase as medidas do Executivo central e as posibilidades de aplicación, sinalou que a opción de Galicia é recorer ao Tribunal Constitucional por "invasión de competencias", como ratificou o propio Rueda.

Neste caso, apostilou que tamén se pediría a suspensión da aplicación das medidas, pero a Comunidade galega vai esperar ao mércores, día en que se volve a reunir o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) para coñecer se o Goberno central está disposto a rectificar.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante os medios este luns
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante os medios este luns | Fonte: Europa Press

O tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo manifestou que é "evidente que se están asumindo as competencias" autonómicas, aínda que non quixo adiantar os argumentos que se plasmarán no eventual recurso.

Iso si, preguntado sobre a vía buscada pola Comunidade de Madrid da Audiencia Nacional, indicou que "cada un" fai os "razoamentos que xuridicamente estima", pero indicou que os xurídicos da Xunta decántanse pola vía do Constitucional.

Rueda confiou en que o Goberno central rectifique o mércores e lembroulle que mesmo hai comunidades que votaron a favor das medidas que agora non senten concernidas por iso. "Esperemos que o fagan (rectificar), que percorramos a senda do entendemento e que cada comunidade teña capacidade para tomar as súas decisións e fuxamos desa foto fixa que non permite ter en conta a previsión de mellora epidemiolóxica", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta