Nega terlle disparado á súa exparella dende un balcón despois de que ela lle pedira droga

O xuízo estase a celebrar na Audiencia Provincial da Coruña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

Un home acusado de disparar por detrás cunha escopeta á súa exparella negou, no xuízo que celebra a Audiencia Provincial da Coruña, ser autor dos feitos e argumentou que ese día non estaba no lugar onde, presuntamente, ocorreu a agresión. Por un delito de asasinato en grao de tentativa, a Fiscalía reclama 14 anos e medio de prisión para o home, por un suceso ocorrido na madrugada do 15 de xuño do ano pasado.

No seu escrito de cualificación, o Ministerio Público indica que acusado e vítima mantiveran unha relación de parella e que tiñan unha relación de amizade no momento dos feitos. Ademais, engade, que pola súa dependencia das drogas, ela acudía a casa do home para tentar obter estupefacientes.

O día dos feitos, explica, a muller "pola súa situación de abstinencia, insistía en pedirlle ao acusado que lle deixase entrar", Unha vez na casa, el pediulle ter relacións ao que ela negouse. Despois, permaneceu na vivenda ata que atopou unhas chaves para saír ao estar a porta pechada. "O acusado ao ouvir que abría a porta empezou a gritar" para, con posterioridade, "con ánimo de atentar contra a vida e integridade" da muller coller "unha escopeta e desde o balcón da planta superior" efectuar un disparo por detrás contra ela, segundo sostén Fiscalía.

NEGA QUE TIVESEN UNHA RELACIÓN

No xuízo, o home asegurou que ese día non estaba na súa casa porque marchara "a pillar", dixo en relación ao seu consumo de drogas que, segundo expuxo, era moi elevado naquelas datas. "Consumía moito", indicou ante o tribunal, afirmando que o facía "todo os días". Por outra banda, negou que a vítima tivese unha relación de parella con el, aínda que admitiu que se "liaran" nun par de ocasións. Tamén confirmou que na súa casa houbo unha escopeta, pero dixo que lla roubaron. Un dos policías que interveu o día dos feitos e que prestou declaración nesta xornada confirmou que a vítima identificara ao procesado como a persoa que disparara. "Ela dixo que viu ao acusado nunha xanela cunha escopeta", expuxo.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta