Santiago responsabiliza a Xunta e o 112 da non participación dos seus bombeiros no incendio de Sigüeiro

O edil Gonzalo Muíños acusa o PP de tentar "sacar rédito" político dun suceso no que faleceu unha muller. O goberno de Oroso apoia a versión de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/06/2021 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago responsabiliza aos xestores da Axencia Galega de Emerxencias 112 Galicia e, por extensión, á Xunta de Galicia de que os bombeiros do parque da capital galega non acudisen o pasado venres ao incendio dun piso en Sigüeiro --Oroso (A Coruña)-- no que faleceu unha muller duns 60 anos e resultou ferido grave o seu fillo, ademais doutros dous operarios, no seu caso de carácter leve, que participaban no dispositivo de emerxencia.

Tras a denuncia lanzada o luns polo grupo do PP santiagués, que acusou o goberno local de "insolidario" por "impedir" que efectivos do parque de Santiago participasen no operativo, o edil de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, reiterou este martes os argumentos esgrimidos polo executivo na xornada do luns: os bombeiros da capital non saíron porque a solicitude non foi cursada acorde ao protocolo establecido para actuacións fóra do termo municipal.

Muíños respondeu ás preguntas dos xornalistas este martes precisamente desde o parque de bombeiros de Santiago, que inaugurou a exposición de dous vehículos clásicos que foron restaurados con motivo do centenario do servizo municipal.

Un acto no que tamén participou o xefe do parque compostelán, Manuel Sanmartín, quen asegurou que el mesmo realizou unha consulta coa central do 112. Segundo Sanmartín, foi esta a que rexeitou que os bombeiros de Santiago se desprazasen a Sigüeiro e tampouco, di, trasladou que houbese risco para as persoas no incendio.

Para que os efectivos da capital galega acudisen á emerxencia, incidiron tanto Muíños como o xefe de bombeiros, a Dirección Xeral de Emerxencias, dependente da Xunta, debería activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), como sucedeu no incendio da fábrica da conserveira Jealsa rexistrado a comezos do mes de maio en Boiro (A Coruña).

"Non se pode responsabilziar ao Concello de Santiago dunha escaseza de medios ou da pouca valoración do que estaba a suceder en Oroso", remarcou Gonzalo Muíños, que acusou ao PP de "dubidar da profesionalidade de todos e cada un" dos membros da pantilla dos bombeiros de Santiago para "sacar réditos políticos".

COMARCALIZACIÓN DO PARQUE

Ao fío disto, o edil de Seguridade Cidadá recoñeceu que existen contactos coa Xunta, Deputación da Coruña e os gobernos locais dos concellos da contorna de Santiago para o desenvolvemento do parque comarcal de bombeiros, un asunto que leva no debate da área compostelá desde hai anos.

Así, Muíños apuntou que se están abordando "cuestións económicas", "fórmulas de financiamento" ou necesidade de persoal para concretar un parque que tería a súa sede na capital galega e que o concello santigués quere deixar canalizado antes de que conclúa o actual mandato.

Gonzalo Muíños en rolda de prensa.
Gonzalo Muíños en rolda de prensa. | Fonte: Fonte: Concello de Santiago.

OROSO

Pola súa banda, o goberno local de Oroso apoiou a versión ofrecida polo executivo de Santiago sobre a non participación dos bombeiros da capital galega no incendio. O executivo local de Oroso, gobernado do mesmo xeito que Santiago polo Partido Socialista, sostén que o propio rexedor, Luís Rei, estivo na mañá do suceso en contacto coas autoridades da capital galega, que trasladaron que para que os bombeiros da cidade deixasen o concello debía activarse desde a Axega o plan de emerxencias territorial (Platerga).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta