Temas: PARLAMENTO

A oposición insiste en que o "clamor social" contra a multitude de parques eólicos será "imparable"

Segundo defendeu a popular Marisol Díaz, o "compromiso" da Xunta con respecto á protección do patrimonio é "inquebrantable" e "sen distincións" nin "filtros partidistas nin partidarios".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

BNG e PSdeG insistiron en que o "clamor social" en Galicia contra multitude de parques eólicos que se están tramitando nestes momentos tanto por parte da comunidade autónoma como en Madrid será "imparable".

Pola súa banda, o PP rexeitou senllas mocións coas que os dous grupos da oposición pedían, no pleno do Parlamento, un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica "máis social" e con máis garantías para o medio ambiente.

Segundo defendeu a popular Marisol Díaz, o "compromiso" da Xunta con respecto á protección do patrimonio é "inquebrantable" e "sen distincións" nin "filtros partidistas nin partidarios".

Fronte a isto, o nacionalista Luís Bará reprochoulle que o PP "con quen ten compromiso é co patrimonio das empresas enerxéticas".

"NON É ESTAR EN CONTRA"

Pola súa banda, o socialista Martín Seco incidiu en que "pedir cambios non é estar en contra" das instalacións eólicas. Neste sentido, subliñou que o que pide o seu grupo é que o Goberno galego "faga un esforzo para dar seguridade á cidadanía", e engadiu que, de ser así, tería o apoio da súa organización.

Respecto diso das mobilizacións que reclaman outro modelo eólico, a parlamentaria do Bloque Noa Presas enmarcounas nunha "mensaxe dun país que ten dignidade" e advertiu á Xunta de que "vai ter que acabar rectificando". "Están a quedar sós ante un clamor social imparable", dixo.

Na súa intervención, Marta Nóvoa (PP) acusou ao PSOE de "volver situarse no lado dos que se opoñen a todo" e destacou que "o rural galego non necesita falsos salvadores, senón servidores públicos".

"Están a tentar amedrentar á poboación con falsidades. Non todos (os megawatts de enerxía eólica en tramitación) van saír adiante, sairán os que cumpran", remarcou, antes de atribuír á oposición querer "impedir o renacemento de Galicia".

Pola súa banda, Pablo Arangüena (PSOE) achacou ao PP un "desprezo inaudito pola lexislación vixente", ao asegurar que a "incumpre en moitos aspectos".

"Cando se fala de medio ambiente o goberno galego mira cara a adiante (...) Anticuado quedou o seu discurso", resolveu Marisol Díaz, por parte do PP.

Comisión  PARLAMENTO
Comisión PARLAMENTO

Temas: PARLAMENTO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta