Admitido o recurso dos Franco contra a suspensión das actuacións en Meirás ata resolver sobre o mobiliario

Os demandados rexeitan as cuestións incidentais promovidas pola Administración Xeral do Estado e o Concello de Sada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/06/2021 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

O xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña admitiu a trámite o recurso de reposición presentado pola familia Franco "en prazo e forma" contra a providencia do 19 de maio na que se suspenderon as actuacións relativas ao Pazo de Meirás ata resolver se o mobiliario forma parte do inmoble e dos predios incluídos no recinto que deben devolver ao Estado.

Un avogado do Estado, acompañado dun garda civil, colabora na realización do inventario do Pazo de Meirás
Un avogado do Estado, acompañado dun garda civil, colabora na realización do inventario do Pazo de Meirás | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Diso informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que lembra que o xulgado de primeira instancia decretou a devolución de inmoble e os predios nunha sentenza confirmada pola Audiencia Provincial da Coruña e contra a que cabe presentar recurso.

O xulgado, por tanto, admitiu a trámite o recurso da familia Franco contra as cuestións incidentais promovidas pola Administración Xeral do Estado e o Concello de Sada.

En concreto, a administración estatal presentou un incidente de execución no que demandou a "necesaria conservación do inventario" aprobado no seu día polo xulgado, así como unha segunda cuestión incidental na que solicitou a "delimitación dos bens integrantes e pertenzas" do pazo tendo en conta o artigo 334 do Código Civil, no que se definen os bens inmobles.

Pola súa banda, o Concello de Sada reclamou que se inclúa, a efectos de execución de sentenza, o mobiliario como parte do Pazo de Meirás.

Contra a dilixencia de ordenación emitida este martes polo xulgado cabe presentar recurso de reposición no prazo de cinco días. Ademais, o órgano xudicial acordou unir á causa os escritos presentados polas partes personadas nela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta