O nororeste de Galicia, o lugar coa maior densidade de poboación mundial de lobos segundo un estudo

O biólogo Pedro Alonso indicou que o crecemento destas poboacións rexistrouse especialmente nas últimas dúas décadas e que os datos pon de manifesto a necesidade de actualizar as estimativas desta especie na comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

A comunidade galega, concretamente o noroeste do territorio, mantense como a poboación mundial con maior densidade de lobos. Así se sinala nun traballo asinado por Pedro Alonso Igrexas, Miguel Hevia Barcon e David Martínez Lago e publicado na revista científico-técnica 'Recursos Naturais' do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), da USC.

Os autores de 'Censo da poboación de lobos (Canis lupus) do norte de Galicia e estimativa da densidade', que analizaron os resultados obtidos en prospeccións realizadas durante os anos 2019 e 2020, estiman a existencia de polo menos 22 grupos potencialmente reprodutores e de individuos solitarios na rexión de estudo.

En concreto, analizouse unha superficie de 2.900 quilómetros cadrados entre Ribadeo cara a Pontenova, para logo unir Abadín, Vilalba e Monfero, entre outros puntos. Alí probouse a presenza de 16 familias reprodutoras, o 72,7% do total, unha cifra superior ao seis grupos contabilizados no último censo oficial da Xunta (con datos de entre 2013 e 2015).

O biólogo Pedro Alonso indicou que o crecemento destas poboacións rexistrouse especialmente nas últimas dúas décadas e que os datos pon de manifesto a necesidade de actualizar as estimativas desta especie na comunidade.

Un dos factores que favoreceron este aumento foi o progresivo despoboamento do rural, que implica á súa vez unha caída no número de lobos que morren debido ao furtivismo.

PROTESTA

Estes datos danse en pleno debate pola inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespe) por parte do Goberno central.

Precisamente, a Plataforma en Defensa da Xestión do Lobo 'Ganader@ Viv@' animou ao mundo rural a acudir á concentración convocada para este mércores ás 12.00 horas, fronte ao Ministerio de Transición Ecolóxica e do Reto Demográfico (Miteco) en Madrid.

A entidade suma máis de 30 asociacións relacionadas co mundo rural, entre as que se atopan ASAJA Nacional; a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA); a Unión de Unións de Agricultores e Gandeiros; a Unión de Gandeiros, Agricultores e Silvicultores da Comunidade de Madrid (UGAMA); a Interprofesional Agraria do Vacún e do Ovino (Interovic); a Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac), ou Unión de Criadores de Touros de Lida (UCTL).


Exemplar de lobo ibérico / WWF. / Europa Press
Exemplar de lobo ibérico / WWF. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta