Galicia supera o 35,8% con 845.086 inmunizados contra a Covid-19

Máis do 56,5% da poboación galega a vacinar recibiu polo menos unha picada

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/06/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Galicia avanza na administración de dose para completar pauta contra a Covid-19 tras superar o 35,8% da poboación a vacinar co proceso finalizado, ao chegar a 845.086 persoas inmunizadas, que supoñen 34.816 máis que a xornada anterior. Pola súa banda, o 56,5% dos cidadáns desta autonomía recibiron polo menos unha picada.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá deste mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata o peche da xornada de vacinación do martes, recollidos por Europa Press, nos que indica que se administraron 2.114.534 dose, 35.402 máis que na xornada anterior, o que supón que se puxeron en Galicia o 93,2% das 2.268.505 doses recibidas ata a data. Diso dedúcese que a xornada de vacinación deste martes pasado dedicouse a completar pauta vacunal, así como en avanzar coa inmunización doutros grupos.

Por grupos de poboación vacinados pola súa condición de vulnerabilidade, administrouse polo menos unha dose a 14.545 persoas de alto risco (+105) e 13.535 completaron a pauta (+399); mentres que 17.766 dependentes non institucionalizados recibiron polo menos unha dose (+13) e 16.397 contan coa pauta completa (+17). Mentres, 23.822 persoas institucionalizadas recibiron polo menos unha picada (+9) e 23.226 finalizaron o proceso (+12).

Así mesmo, en relación aos vacinados por probabilidade de exposición, 74.741 traballadores do ámbito sanitario recibiron polo menos a primeira picada (+26) e 64.052 completaron o proceso (+145). Ademais, administrouse polo menos a primeira inxección a 28.775 profesionais do ámbito sociosanitario (+8) e 22.437 contan coa pauta completa (+63). 
Tamén recibiron polo menos unha dose da vacina contra a Covid-19 en Galicia 63.310 traballadores esenciais (+14) e 7.289 completaron o proceso (+891).

GRUPOS DE IDADE

Ata a data recibiron polo menos unha dose 1.194.983 persoas maiores de 50 anos en toda Galicia, que supoñen 1.071 persoas máis que a xornada anterior e constitúen un 93,58 por cento dos galegos a vacinar a partir desa idade. A estas persoas súmanse 52.805 de 45 a 49 anos (+87) e 28.423 de 40 a 44 anos (+29) despois de iniciarse esta semana a vacinación por idade neste grupo, que comezou o domingo pasado na área sanitaria de Santiago e Barbanza.

Por tanto, ata a data 1.335.184 persoas recibiron polo menos unha dose da vacina en Galicia, 1.261 máis que na xornada anterior e representan o 56,51% da poboación a vacinar no conxunto da Comunidade galega.

Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press.  / Europa Press
Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta